Fomento proporá a Audasa levantar as barreiras da peaxe en caso de atasco

O ministerio comprometeuse a terminar as obras que afectan o tráfico en Rande o 31 de maio, aínda que Rajoy inaugurounas en decembro 
 

AP-9 ao seu paso por Vigo nunha imaxe de arquivo. ADP
photo_camera Retenciones en la AP-9 el año pasado. AEP

O Ministerio de Fomento proporá este mércores a Audasa o levantamento das barreiras da peaxe en caso de atascos. 

Farao nunha reunión en Galicia na que participarán a propia concesionaria da autoestrada AP-9 co director xeral de Estradas e a Subdelegación do Goberno nas sociedades concesionarias de autoestradas nacionais de peaxe.

O encontro, segundo fontes de Fomento consultadas por Europa Press, ten por obxectivo analizar "posibles medidas", entre elas a de levantar barreiras, no caso de que se produzan retencións como as que están a ter lugar nas últimas semanas na contorna da ponte de Rande.

Estas retencións —que a AP-9 rexistra desde hai anos con certa periodicidade e en determinadas épocas— prodúcense agora nun contexto de obras por acabar en Rande.

As obras continúan a pesar de que o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, inaugurou a ampliación da ponte xunto ao titular do ministerio, Íñigo de la Serna, o pasado 30 de decembro, algo que a oposición vincula á intención de Audasa de poder aplicar unha subida das tarifas a partir do 1 de xaneiro.

Finalmente, ese incremento aínda non se aplicou e as actuacións na ponte de Rande proseguiron. Ante as críticas de usuarios e partidos, e a petición do propio presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, o departamento de De la Serna deu o compromiso a semana pasada de que os traballos "que afectan o tráfico" rematarán o 31 de maio. Non así outras tarefas, que seguirán despois dese día, de pintado da ponte e labores arqueolóxicos, segundo indicou o propio ministerio.

PETICIÓN DE TRANSFERENCIA

Tanto a política tarifaria como os problemas de atascos levaron ao Parlamento galego a pedir, por unanimidade dos grupos, o traspaso da titularidade da AP-9 a Galicia, demanda que foi vetada en dúas ocasións na Mesa do Congreso dos Deputados, que preside a popular e deputada por Pontevedra Ana Pastor.

Fai xusto sete días, a Cámara autonómica solicitouno por unanimidade por terceira vez, nesta ocasión amparándose no recente fallo do Tribunal Constitucional que limita o veto do Goberno a leis que afecten o seu gasto no orzamento en curso.

No seu día, o que fixo o Executivo de Rajoy foi crear unha comisión mixta composta pola administración central e a galega (anunciada a finais de 2016) para a xestión da autoestrada. 

Comentarios