A Xunta destina 40.000 euros a mellorar o albergue público de Arzúa

Esta actuación tivo como obxectivo reforzar a accesibilidade e a sinalización do centro, ademais de renovar o seu mobiliario
Un momento da visita de Nava Castro ao albergue. EP
photo_camera Un momento da visita de Nava Castro ao albergue. EP

A Xunta vén de levar a cabo varias melloras no albergue público de Arzúa cun investimento duns 40.000 euros. Esta actuación tivo como principais obxectivos o reforzo da accesibilidade e da sinalización, ademais de procederse á renovación de mobiliario do centro. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, supervisou onte nestas instalacións o resultado dos traballos. Estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e polo alcalde arzuán, José Luís García López.

Na súa visita, Castro explicou que esta intervención encadrouse no Plan de Melloras na Rede Pública de Albergues para 2022, cun orzamento global de 2,1 millóns. Segundo indicou, nese exercicio executáronse obras en 67 albergues situados en sete dos dez itinerarios oficiais do Camiño.

A directora de Turismo sinalou que o maior investimento tivo lugar no Camiño Francés, seguido da Vía da Prata e do Camiño Portigués.

Polo que atinxe os traballos que se desenvolveron nestes aloxamentos públicos, Castro resaltou que as obras se centraron en tres eixos. Así, procedeuse á mellora da confortabilidade, salubridade, accesibilidade e reparacións varias —en pintura, illamento e paneis divisorios, entre outros elementos—; á mellora da decoración interior e a reposición de elementos danados e, por último, á homoxeneización da sinalización interior e exterior.

O albergue público de Arzúa abriu as súas portas en 1999 e está situado no Camiño Francés, que segue a ser a ruta maioritariamente escollida polos peregrinos que chegan a Santiago —percórreno a metade dos que recollen a Compostela—. Este itinerario, que foi declarado Patrimonio Mundial da Unesco no ano 1993, conta con 22 aloxamentos pertencentes á Rede Pública de Albergues, nos que se ofrecen un total de 1.153 prazas, segundo destacaron dende a Xunta de Galicia.

Comentarios