Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Xosé Francisco Pardo: "O noso obxectivo é estudar, divulgar e protexer o patrimonio da Ulloa"

Xosé Francisco Pardo Teijeiro, presidente do Instituto de Estudos Ulloáns. EP
Xosé Francisco Pardo Teijeiro, presidente do Instituto de Estudos Ulloáns. EP

Nacín e vivín en Lugo, pero pasei moitas tempadas en Chorexe, unha aldea de Palas de Rei onde a miña familia paterna ten as súas raíces. Non falo do que hoxe se entende por vacacións, senón de residir no rural desde finais de xuño ata principios de outubro, en tempos nos que as aldeas estaban moi poboadas e tiñan unha intensa actividade

XOSÉ FRANCISCO Pardo Teijeiro é o presidente e un dos fundadores do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), unha iniciativa que naceu en novembro de 2015 para dar resposta á crecente demanda cultural na comarca da Ulloa.

Como se xestou o instituto?
A idea de crear o instituto xestouse dous meses antes da súa fundación, na celebración de Son d’Aldea, na parroquia de Santiago de Albá, ao redor da comida de confraternización. Aínda conservo as servilletas de papel nas que iamos anotando os email dos interesados no proxecto.

Cales son os retos do IEU?
Os nosos obxectivos están recollidos no noso documento fundacional: estudar, divulgar e protexer o patrimonio da Ulloa. Aspiramos a ser un instituto de referencia, tanto para a nosa comarca como para a provincia de Lugo. O noso fin é consolidar e reforzar a identidade da Ulloa como comarca diferenciada e cunha gran potencialidade.

Cales son ata agora os seus principais logros?
Sen dúbida, da publicación dos dous números de Cairón. En segundo lugar, da nosa sede social, cedida polo Concello de Monterroso, na que dispoñemos de despacho, biblioteca e unha sala de exposicións e conferencias que bautizamos co nome de Yebra de Ares. En terceiro lugar, do noso programa anual de exposicións para a sala do castelo de Pambre, do Concello de Palas de Rei, por onde están a pasar os máis destacados pintores e escultores lucenses, e na que nestes momentos está aberta unha exposición do grupo Bacabú.

A nosa revista é un lugar de encontro, un espazo para o debate, un caderno de reivindicacións e homenaxe

Que particularidade ten A Ulloa para que nela xurdan tantas iniciativas asociativas e culturais?
Pode que na actualidade influísen as mellores comunicacións, o retorno dos emigrantes, a elevación do nivel cultural ou unha maior participación da diáspora, pero é certo que en todas as épocas se crearon asociacións e, en maior ou menor grao, sempre houbo actividade cultural, artística ou musical, iso si, condicionadas polas particularidades do medio rural. Se cadra é o rico patrimonio da Ulloa e a súa paisaxe suave, dominada por verdes outeiros, o que inspira a tantos artistas e que nos leva a pensar nunha Toscana galega.

Están en plena presentación do segundo número de Cairón.
Este segundo volume segue a mesma liña editorial do primeiro, coas pautas marcadas polo director da revista, o xornalista Daniel Salgado. Como novidade, aumentouse unha nova sección, de creación literaria, que inaugura o poeta monterrosino Xesús Pereiras e que abre as portas a escritores vinculados á comarca.

Cal é a finalidade da publicación?
A súa finalidade descríbea con precisión o seu director, Daniel Salgado, cando di que con Cairón, por primeira vez, a Ulloa comézase a contar a si mesma por escrito. A nosa revista é un lugar de encontro, un espazo para o debate, un caderno de reivindicacións e homenaxe, de memorias e angueiras.

Cal é a súa periodicidade?
En principio Cairón terá unha periodicidade anual. Os artigos inéditos dos nosos socios e socias garanten o seu futuro e estamos a abrir liñas de investigación que darán os seus froitos nos próximos anos. Por outra banda, a nosa revista está aberta a toda persoa que teña algo que contar sobre A Ulloa.

Somos pobres en recursos económicos, pero millonarios en recursos humanos

Como se pode conseguir?
Os nosos socios reciben Cairón gratuitamente e os concellos de Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla contribúen á súa distribución gratuíta a bibliotecas locais e centros educativos. Nós enviamos exemplares ás principais bibliotecas públicas de toda Galicia e ás das tres universidades galegas. Os particulares que desexen adquirilo poden facelo nas nosas presentacións, na caseta que instalamos en feiras do libro ou ben na nosa páxina web ieu.gal.

Están recibindo apoios públicos?
Son moitas as dificultades, pero o labor do IEU sería imposible sen o apoio dos tres concellos da Ulloa e da Deputación de Lugo. O noso instituto conta tamén coas achegas dos seus socios numerarios e coas dos socios institucionais (concellos de Palas e Monterroso) e protectores (as empresas Campomayor e Jim Sports), así como con colaboracións puntuais como a do balneario Oca Río Pambre.

Que destacaría nestes momentos do IEU?
O enorme esforzo que realizan algúns dos nosos socios. Se de algo estou marabillado é da súa calidade humana e cultural e da ilusión que poñen en cada proxecto. Somos pobres en recursos económicos, pero millonarios en recursos humanos.

PERFIL

O carácter de Xosé Francisco Pardo Teijeiro está marcado polas longas tempadas que de mozo pasou no rural. Alí naceu a súa atracción pola natureza e o seu interese polas tradicións, a etnografía e a historia. Catedrático en Bioloxía e doutor en Historia da Ciencia, a súa actividade profesional desenvolveuna sempre no ámbito educativo, medio no que publicou diversos libros e artigos. Na súa faceta como historiador investigou sobre os científicos republicanos no exilio, o que deu como froito a publicación da biografía de B. F. Osorio-Tafall.

Xosé Francisco Pardo: "O noso obxectivo é estudar, divulgar e...
Comentarios