Manuel Pampín Sánchez naceu en Melide en 1958. Estudou xornalismo na universidade complutense de Madrid. En 1982 comezou a traballar na delegación de Santiago de El Ideal Gallego, onde estivo tres anos facendo todo tipo de informacións. Desde xuño de 1985 ata a súa recente xubilación traballou na Televisión de Galicia, onde fixo practicamente de todo: desde retransmisións deportivas ata presentar os telexornais.
Gústanche os melindres?
Si, claro que me gustan os melindres, máis mollados no café con leite para almorzar que sós. Non son moito de larpeiradas, e no café con leite non da tanta sensación doce.
E os ricos e os amendoados? Con cal dos tres doces quedas?
Os amendoados si, sobre todo se teñen o punto de brandura exacto. Os non me entusiasman tanto. Son un pouquiño duros… para o meu gusto. Quédome cos melindres para mollar no almorzo, e cos amendoados para tomar sós.
Con que os tomas? Ou gústanche sós?
Como xa dixen, só me gustan sós os amendoados, e os melindres mellor co café con leite.
Viñeches como veciño a moitas edicións da festa?
Hai bastante tempo que non veño; traballei durante moito tempo na fin de semana, sobre todo en deportes, e érame imposible acudir. Agora, coa xubilación, agardo facelo moito máis a miúdo.
Coñeces e tes trato a algúns dos embaixadores/as?
Coñezo a case todos os embaixadores e embaixadoras do melindre, pero non teño un trato habitual con [email protected] Se coincidimos falamos, pero tampouco son eu moito de forzar as relacións sociais.
Que é o que máis che gusta facer en Melide?
Gústame estar na casa, repasar unha e mil veces os recordos da infancia, da adolescencia, as fotos vellas … e estar cos amigos de sempre, os de verdade; ir de viños con eles, e atopar xente que non vexo desde hai tempo, é un dos grandes praceres da vida.
Cóidaste moito? Fas deporte?
Non me coido especialmente, sobre todo porque estou moi limitado para facer deporte: teño 4 próteses; dúas de cadeira e dúas de ombreiros. Pero se me vexo gordo ou fondón, báixolle algo ao penso e xa está; non me custa demasiado reducir a inxestión de comida.
Coidas moito a túa alimentación?
Procuro comer con certo equilibrio, un pouco de todo… pero sen obsesionarme o mais mínimo. Como para vivir; non vivo para comer; non ando mirando as proteínas, os hidratos de carbono, as calorías, etc. Non me preocupa nadiña!
Fixeches o camiño de Santiago?
Nunca fixen o camiño de Santiago e non me atrae demasiado facelo, sobre todo nos meses en que o percorrido está ateigado de xente; non che son de multitudes. Respecto moito á xente que o fai, pero eu non teño pensado facelo, prefiro dar unha voltiña por Melide.
A que deportista dos que lembras pensas que lle faría máis falta comer os doces de Melide?
Hai xa ben anos, estabamos en Frankfurt porque xogaba alí un equipo galego. Era inverno, había moita neve e facía un frío tremendo. Subín á habitación dun dos futbolistas, e estaba metido na cama con varias mantas enriba … a pesar da calefacción!!!; díxome que el con tanto frío non ía xogar, que ía morrer coma un paxariño! e non xogou!; era Bebeto…