sábado. 11.07.2020 |
El tiempo
sábado. 11.07.2020
El tiempo

Xaquín Vázquez, filólogo: "Propoñemos recuperar os nomes de Melide e Melida"

Xaquín Vázquez. EP
Xaquín Vázquez. EP

O técnico de normalización lingüística do Concello melidao elaborou un 'Dicionario de nomes galegos para crianzas' para favorecer a súa escolla nas familias

"Ola, son Melide, encantado de coñecerte". As comiñas, polo momento, enganan. Pero se non futuro chegan a abrazar este nome ou o seu feminino, Melida, o mérito primeiro será de Xaquín Vázquez, técnico de normalización lingüística do Concello de Melide. É o autor do libro Nomes galegos para crianzas, que a entidade local repartirá entre as futuras nais e pais do municipio para non só recuperar Melide como nome de persoa, senón para que no municipio haxa máis Xianas, Mariñas, Margaridas, Mateos, Xiaos...

Así que Melide é tamén un nome de persoa... 
O topónimo Melide é, en realidade, un antropónimo. Procede do nome dun terratenente, Mellitus, que foi o dono romano da granxa que foi o xerme da vila que hoxe coñecemos. En latín é o xenitivo o que determina os antropónimos en case todos os casos. De Mellitus, Mellite, que evolucionaría a Melide ou Melida, pois tamén é un nome feminino. Deles gárdanse rexistros da Idade Media. Máis tarde pérdese como nome de persoa, pero consérvase como apelido na versión castelanizada, Melliz. Nós propoñemos, non sen certo atrevemento, recuperar o nome. Iso si, por vía culta e totalmente documentada. 

En que outros aspectos o libro fai fincapé na comarca? 
Damos preferencia ás características fonéticas da nosa comarca en antropónimos como Romao, en lugar de Román; Xiao, en vez de Xian, ou Cipriao, en vez de Ciprián. E tamén ás terminacións en eo, como Eliseo ou Romeo. Ademais, o dicionario inclúe a grafía galegoportuguesa medieval, algo que lle daría ao galego e aos nosos nomes unha dimensión internacional enorme, e que agora vén a conto das Letras Galegas adicadas a Carvalho Calero, que defendía esta escolla ortográfica. 

Como afectou a castelanización aos nomes galegos? 
No século XVIII hai unha castelanización brutal dos nomes e apelidos. Seixas pasa a ser Seijas, e un longo etcétera. Aínda hoxe estamos sufrindo as consecuencias disto. Por iso o Concello de Melide puxo en marcha esta campaña para promocionar os nomes exclusivamente galegos no municipio e paliar a súa escaseza. 

En que se distingue 'Nomes galegos para crianzas' doutros dicionarios onomásticos? 
A diferenza doutros dicionarios, coma os de Xesús Ferro ou Xosé Feixó, este é máis divulgativo, máis orientado ás crianzas. Tampouco inclúe os nomes homónimos en castelán, os que compartimos con esta lingua, senón que recolle só formas galegas. Nós xa fixemos outro dicionario de onomástica antroponímica galega, pero este é máis doado. 

Como está a saúde do nome galego no municipio de Melide? 
Queremos facer un estudo dos nomes galegos que se lles poñen aos nenos que nacen cada ano aquí. O que se sabe é que, a nivel galego, escasean moito, moito máis ca no País Vasco e Cataluña os seus nomes propios. Os que máis se usan son, para neno, Antón e Brais, e para nena, Uxía. Tamén hai casos como Sabela, que na súa orixe son un hipocorístico, un xeito de nomear afectivo. Sabela é a forma cariñosa de dicir Isabel, pero xa está rexistrado como nome.

Xaquín Vázquez, filólogo: "Propoñemos recuperar os nomes de Melide...
Comentarios