Melindres, amendoados e ricos volveron a manifestar a súa versatilidade durante o arranque da XXXI Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional Terra de Melide. Os doces por excelencia do cerne de Galicia mostraron que con eles non só se pode elaborar repostaría creativa ou pratos de alta cociña, senón que poden acompañar batidos e mesmo cócteis.
Ademais dos tres petiscos, os nenos tamén foron protagonistas o primeiro día. Foi da man de Manuel Garea, chef pasteleiro que ofreceu un obradoiro que permitiu que unha ducia de nenos se achegasen á elaboración dos doces, primeiro coñecendo os ingredientes de cada un e o xeito de elaboralos e, logo, pasando á practica.
Os pequenos puideron amasar e dar forma aos melindres, que logo introduciron no forno. A mellor parte agardaba para o final, cando procederon a degustalos unha vez fríos e coa súa capa de azucre. Así mesmo, houbo repostería creativa a través do rico, que se puido probar en diferentes texturas e con mousse de chocolate.
As actividades continuaron pola tarde, desta volta co obradoiro de elaboración de batidos, maridados con repostería, a cargo de Cristian Rodríguez, campión galego de coctelería no ano 2019, barman que tamén se encargou de ofrecer unha sesión na que se compangaron os seus cócteis cos doces de Manuel Garea e a música da cantautora Nadia Sniba.
Así mesmo, os chefs do restaurante Ceibe, Lydia del Olmo e Xosé Magalhaes, que foron premiados como os mellores cociñeiros galegos do ano, elaboraron curiosas propostas e o mago Antón foi o encargado de ilusionar co seu show Mil maxias máis, que atraeu a atención de centos de persoas.
Programación para este domingo
Para o peche da XXXI Festa do Melindre resérvanse os pratos fortes da programación. Así, ás 12.00 horas será no Espazo Melindre, na Praza do Convento, o pregón a cargo do xornalista Manuel Pampín e o nomeamento dos embaixadores desta edición: Andrés Torreiro, Patricia López, Anxo Castro -da asociación deportiva Cerne-, a adega Ribeirao, Casa Juanito, Casa Mejuto e Casa Santos.
Ademais, e a maiores da apertura dos postos da feira, o grupo de bombos Zés Pereiras e a agrupación de música tradicional Froito Novo percorrerán as rúas pola mañá; Peter Punk ofrecerá o seu espectáculo infantil de malabares e humor na Praza do Convento a partir das 17.30 e Sés pechará a feira co seu concerto ás 19.00 na Praza das Coles.