"Ver un neno que escoita a voz da súa nai por primeira vez é unha experiencia indescritible"

Case trinta anos prestando servizo na unidade de Otoneuroloxía do hospital Clínico de Santiago avalan a traxectoria de Andrés Soto Varela, que acaba de recibir o premio Médico da Aice por liderar a investigación médica otorrinolaringóloga de España e mellorar a calidade de vida dos pacientes que sofren perdas auditivas
Andrés Soto Varela. EP
photo_camera Andrés Soto Varela. EP

Andrés Soto Varela (Palas de Rei, 1966) escolleu a medicina para mellorar a calidade de vida das persoas. Erixido como unha eminencia na otorrinolaringoloxía, o médico e investigador acaba de recibir o premio Médico da Aice (Asociación de Implantados Cocleares de España) tras tres décadas de dedicación incansable a pacientes con xordeira.

Que supón para vostede este recoñecemento?
Valóroo moito. Os premios que outorgan as institucións ou os compañeiros teñen moita significación, pero aínda máis cando son os propios pacientes. O traballo dun médico é intentar mellorar a calidade de vida das persoas e cando percibes que recoñecen ese esforzo é moi gratificante.

Como funciona un implante coclear?
Un implante coclear é un dispositivo que se introduce no oído das persoas que teñen unha perda completa de audición. Por medio dunha operación cirúrxica colócase o aparello, que captará os sons do ambiente e estimulará as fibras do nervio auditivo para que o paciente poida escoitar.

Cal é o grao de audición que se pode chegar a recuperar?
Practicamente o 100%. En canto ao volume, a audición que proporciona un implante coclear é absolutamente normal. Pola contra, a nitidez non é total, pero permítelle ao paciente facer unha vida normal.

En Galicia, cales son os hospitais de referencia neste eido?
Na comunidade son tres os hospitais que realizan este tipo de implantes: Chus, Chuac e Chuvi. Aínda que as persoas que noten unha perda auditiva deben acudir primeiro ao médico de familia. Desde alí, vanos orientar perfectamente polo camiño que teñen que seguir para colocar o dispositivo, sempre e cando sexan os candidatos apropiados.

A perda auditiva en adultos pode evitarse reducindo a exposición a ruídos e a substancias como o alcol e o tabaco

Como se determina se unha persoa é a candidata axeitada?
Se a perda auditiva non é moi grave, pódese resolver a situación cun audiófono. Deste xeito, non tería que someterse a unha intervención cirúrxica, que comporta algúns riscos: pode danarse o nervio facial e que se produza unha parálise ou algo de vertixe tras a operación. Non son habituais, pero son posibles.

Houbo algún caso que lle impactase especialmente?
Os nenos sempre son especiais. Por exemplo, as expresións que fan cando escoitan a voz da súa nai por primeira vez son indescritibles. Realmente están descubrindo un mundo novo. Tamén me marcou o caso dunha rapaza que, ademais de ter unha perda completa de audición, contaba cunha malformación anatómica no oído que complicou a cirurxía e o posoperatorio. Ao final, saíu adiante e cando a vexo recordo que paga a pena esforzarse por mellorar a vida dos pacientes.

Unha detección precoz da xordeira infantil resulta fundamental para a colocación dun implante coclear?
Si. De feito, considérase que o momento ideal para colocar estes dispositivos a un neno que padece xordeira é entre o primeiro e o segundo ano de vida. A partir de aí pódese implantar, pero os resultados son un pouco peores.

No caso dos adultos, hai formas de previr a perda auditiva?
Un dos factores esenciais que condiciona a perda de audición nos adultos é a idade, e iso non se pode previr. O que se pode facer é reducir a exposición a ruídos tanto no ámbito laboral como no ocio e evitar consumir substancias tóxicas como o alcol e o tabaco.

Como está a avanzar a investigación neste campo?
Temos varias liñas de investigación abertas. Por exemplo, estamos traballando para mellorar o equilibrio en persoas de idade avanzada, co que se podería diminuír o risco de caídas.

Comentarios