"A vieira non é un tema exclusivo do Camiño de Santiago, é un símbolo universal precristián"

Baixo o título Achegas á simboloxía do románico da Ulloa, o estudoso Xosé Lois García acaba de presentar o seu novo libro, coordinado polo Instituto de Estudos Ulloáns, que é froito dun minucioso traballo de campo no que analiza as particularidades artísticas de 44 templos da comarca: 10 de Antas, 16 de Monterroso e 18 de Palas
Xosé Lois García. AEP
photo_camera Xosé Lois García. AEP

NACIDO EN Merlán (Chantada) en 1945, o escritor e historiador Xosé Lois García acaba de presentar este sábado en Antas de Ulla a súa última obra, ‘Achegas á simboloxía do románico da Ulloa’.

O libro é unha andaina polo románico da Ulloa. Que peculiaridades presenta este estilo na comarca, por exemplo, con relación á Ribeira Sacra?

A obra é unha andaina con mochila, carpeta e lapis. Tres elementos básicos para connotar un traballo de campo, con moitas presas e tomas fotográficas. Entre a Ulloa e a Ribeira Sacra hai constantes interrelacións e peculiaridades, sobre todo nas repeticións fitomórficas dos capiteis e cornixas. Na Ulloa as plantas son moi reducidas, máis que igrexas semellan oratorios de eremitas. En troques, a Ribeira Sacra exhibe grandes templos bieitos e mosteiros que abondan en toda a conca do río Miño, que esclarecen o poder económico das ordes monásticas dos séculos XII e XIII.

Dentro da comarca da Ulloa hai diferenzas en canto ás simboloxías atopadas en cada concello?

Sobre un mesmo temario hai diferenzas con relación ao formato, a simboloxía sobre un elemento antropomorfo ou zoomórfico non varía na mensaxe doutrinaria emitida. O románico destaca pola súa unitaria universalidade, no contexto da variedade. Na Ulloa encontramos esa variedade estética que obedece á creatividade de cada mestre de obradoiro. Claro que sobre a relación temática hai expresións diversas, que connotan unha das grandezas deste estilo. Encontramos diferenzas de estilo non na mensaxe. Tendo en conta que no medievo non existiría o topónimo da Ulloa e menos a xeografía partillada en concellos, como a percibimos actualmente.

Aprecia unha influencia do Camiño de Santiago nestas simboloxías?

Aprecio a universalidade temática do románico que se deu en toda Europa, desde Noruega a Portugal. Non vexo unha exclusividade iconográfica relacionada co Camiño Xacobeo. Por moito que se atopen vieiras en moitos templos románicos non están incidindo neste Camiño. A estrutura morfolóxica da vieira ten outro percorrido ben diferente ao tema do Camiño de Santiago. As súas liñas verticais ascendentes cara o centro do círculo (representación de Deus), indícanos a peregrinaxe da vida que remata nese centro. Isto non o creou o cristianismo, só o adaptou doutras culturas e crenzas orientais. Por tanto a vieira non é un tema exclusivo do Camiño de Santiago. Si, universal e precristián.

Supoño que a obra supuxo un grande traballo de campo.

Sen dúbida. Este tipo de traballos requiren moito tempo e reflexión. Non por ser traballos de campo ou de arte, a simboloxía iconográfica pertence á disciplina da semiótica, na que procuramos a revelación dos diversos signos e referentes dun gráfico determinado, en seus diversos conceptos. Estes traballos naceron a petición do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), que anteriormente foron publicados en tres números da revista Cairón.

Cantos templos inclúe na obra?

Inclúense corenta e catro, dez de Antas de Ulla; dezaseis de Monterroso, e dezaoito de Palas de Rei.

Vilar das Donas é sen dúbida a gran xoia da comarca, pero que outros templos destacaría ou cal foi aquel que máis lle sorprendeu?

Con certeza: xoia e catedral, que non chegou a ser, mais con todos os atributos para selo, pola súa potente arquitectura estrutural e pola súa abastecida iconografía e simboloxía. Sorprendéronme tamén as igrexas de Santa Mariña de Amarante e a de Amoexa, en Antas de Ulla; a de Novelúa e a de Valboa, en Monterroso, e a de Fontecuberta e Ponteferreira, en Palas de Rei. Ademais da mencionada Vilar das Donas.

Comentarios