Veciños de Palas de Rei reclaman unha biblioteca regalando libros na feira

A xente propuxo nun caderno ideas sobre ese espazo ► O Concello di estar barallando opcións para a súa ubicación
                      Posto de libros no día da feira.
photo_camera Posto de libros no día da feira. EP

"Queremos unha biblioteca", dixeron o último día de feira os veciños de Palas de Rei. Entre os postos de froita e verdura, un grupo de veciños despregou alí os seus libros, para darlle un a cada persoa que respondese á pregunta: que é para ti unha biblioteca? Coa iniciativa, os veciños promotores quixeron pedir unha biblioteca municipal, despois de que o último espazo onde se situaba fose ocupado pola oficina de Correos.

"É que nós teríamos doado todos estes libros á biblioteca, pero esa espazo non existe", comenta José Manuel Pérez, do colectivo Os Lobos, de Vilar de Donas. Pérez recorda o bo funcionamento da biblioteca municipal antes da chegada do ano 2000, da man dunha bibliotecaria á quen todo o mundo recorda, Maruchi. "Dende entón, foi mudando por distintas ubicacións, pero sen acabar de asentarse", indica.

Pérez lamenta que un concello de máis de 3.000 habitantes non teña unha biblioteca xeitosa, e lembra iniciativas como Libros para Libros, en Teruel –unha aldea de cen habitantes chamada Libros, que pediu axuda para abrir a súa biblioteca– ou Urueña, en Valladolid, unha localidade de 200 habitantes con máis librerías que bares. "Somos románticos, si, pero a verdade é que moitas das persoas que pasaron por alí nos ofreceron libros para esa biblioteca", contan.

E que sería, entón, unha biblioteca? Na libreta na que recolleron o significado que as veciñas e veciños dan a este lugar poden lerse cousas como que unha biblioteca "é un lugar que nos traslada alá onde se queira ir", que é "un mundo de soños, de aventura, de amor, de ilusión", que "a biblioteca de Palas era un sitio molón onde estabas cos amigos, antes de saír á praza" ou que "é un lugar imprescindible nun concello, e o lugar onde comezan os soños".

Resposta do concello

O rexedor do municipio, Pablo Taboada, destacou que neste momento todos os veciños dispoñen da biblioteca ubicada no Ceip, "que se inaugurou este ano, e que é unha biblioteca municipal", aínda que só abre de 16.00 a 17.00 durante os días lectivos do calendario escolar, e que xestiona o propio persoal do centro. Taboada tamén destacou que o Concello creará un espazo multifuncional, que incluirá a creación doutra biblioteca, pero que aínda está barallando opcións para a súa ubicación.

Comentarios