lunes. 11.11.2019 |
El tiempo
lunes. 11.11.2019
El tiempo

"Sigo traballando porque penso que Titoría entre Iguais axuda a que o mundo vaia a mellor"

André Vázquez. ANA SOMOZA
André Vázquez. ANA SOMOZA

Un ano despois de xubilarse, André Vázquez asumiu a coordinación en Galicia do proxecto que ilusionou os seus últimos anos como director do IES de Palas: Titoría entre Iguais, que ensina o coidado entre alumnos para previr o acoso escolar.

Axudar a axudar. A iso se dedica agora André Vázquez. Xusto catro anos antes de xubilarse, e sendo director no IES de Palas —cargo que ocupou durante case tres lustros—, descubriu o programa Titoría entre Iguais (TEI) para centros educativos, que lle fixo vivir os últimos anos como docente coa mesma vocación que os primeiros. Por iso, en lugar de retirarse, o ano pasado deu un paso á fronte para asumir a coordinación en Galicia deste programa de prevención do acoso escolar.

En que consiste Titoría entre Iguais?

O seu obxectivo é a tolerancia cero ante o acoso escolar. Para iso, os alumnos máis maiores titorizan aos máis pequenos. No caso de Eso, que foi o que eu vivín no IES de Palas, os de 3º titorizan aos de 1º. Isto fai que, nos centros onde se pon en marcha o proxecto, cada alumno teña un titor asignado no momento de entrar e de comezar o curso, en setembro. Este titor é o seu igual, e xuntos fan moitas actividades de sensibilización, de cohesión e xogos de confianza, dentro do horario lectivo.

Así, quen foi titorizado, pasa a ser titor.

Si, e penso que é no rol de titor no que máis se aprende, porque se desenvolven moitas cualidades, como a empatía ou a intelixencia emocional.

Cualidades —a atención, os coidados— que sempre estiveron relegadas.

Si, por iso é tan importante neste mundo no que estamos. Para min foi das mellores experiencias que vivín, porque axudar aos demais enriquece moito.

Este proxecto non ten carácter policial, senón preventivo. O obxectivo é que os casos de acoso non crezan

Como se converteu o IES de Palas no primeiro centro en implantalo?

Titoría entre Iguais é un proxecto creado no ano 2004 por Andrés González Bellido en Cataluña. Eu coñecino no ano 2014, a través de María Jesús Puchades, que era orientadora do centro nese momento e con quen tiven o privilexio de traballar. Ela contaxioume o seu entusiasmo, e fomos o primeiro centro en poñelo en marcha en Galicia. Seguíronnos os CPI de Guntín e Friol, e o IES de Monterroso.

Cantos centros galegos se incorporaron á iniciativa?

Actualmente hai cerca de 100 centros en toda Galicia, a través do Servizo de Formación do Profesorado da Consellería de Educación, e o proxecto está xa espallado polo mundo. Sen embargo, aínda que a nivel autonómico comezou en Lugo, na provincia vai máis lento. Só está funcionando en catro centros.

Cal pensa que pode ser a causa desa presenza máis escasa?

Poden ser moitas. Por un lado, hai unha grande oferta de proxectos marabillosos. Por outro, traer a Bellido a Lugo para impartir a formación é máis caro que levalo a Compostela, por exemplo.

A dimensión da problemática do acoso en función das provincias ten que ver?

Tamén. En Lugo, nos centros de carácter rural, como o IES de Palas, non se dan tantos casos de acoso escolar como na Coruña ou en Vigo.

Como valora os resultados deste programa?

Na miña experiencia, eu vin como minguaban as condutas disruptivas na aula, e os beneficios de que cada rapaz tivese un referente no centro. Este ano no IES de Palas se están medindo os resultados con estándares máis rigorosos. Na Universidade de Alicante tamén acaban de publicar un estudo, xa científico, con resultados fabulosos.

A sensibilización no coidado ten máis resultados que o control?

Este programa non é policial, senón preventivo. O obxectivo é que os casos de acoso non crezan. Se iso non se consegue, hai que aplicar o protocolo da Xunta contra o acoso escolar.

Por que alguén que acaba de xubilarse asume a coordinación dunha iniciativa deste tipo?

Porque son un apaixonado. Se sigo traballando é porque creo verdadeiramente que este programa pode axudar a que o mundo vaia a mellor

"Sigo traballando porque penso que Titoría entre Iguais axuda a que...
Comentarios