Dúas mozas de vinte anos abren en Antas de Ulla un negocio de fotografía e vídeo

Ollada Producións nace en plena pandemia
Lúa Catuxa Aguete e Vanesa Coucheiro. OLLADA PRODUCIÓNS
photo_camera Lúa Catuxa Aguete e Vanesa Coucheiro. OLLADA PRODUCIÓNS

Abrir un negocio en tempos de coronavirus. Emprender aos 20 anos. Asentarse no rural. Lúa Catuxa Aguete Naveira e Vanesa Coucheiro González orquestraron estas tres cousas contra todo prognóstico. Se ben é certo que elas tamén son músicas, o negocio ten outros rumbos. Ollada Producións e o nome dun proxecto de fotografía e vídeo radicado na súa vila natal, Antas de Ulla, co que volveron darlle á comarca ollos cos que mirarse.

Que foi o que as levou a emprender nun momento tan difícil? Os concertos que tiñan previstos para o verán canceláronse -Vanesa forma parte da Banda de Antas e Lúa toca en Cuarta Xusta e El Borrón del Escribano-. Por outro lado, varios fotógrafos da comarca xubiláronse ou pecharon o negocio por distintos motivos.

Lúa estudou fotografía e realización e para Vanesa, estudante de Bioloxía, o mundo da imaxe foi sempre unha paixón. Xa o ano pasado rumiaron esta idea de montar un estudo na súa comarca, pero as circunstancias agora semellaban favorecelo. E si, hai que ter boa ollada para ver oportunidades nestes tempos nos que tantos horizontes semellan clausurarse. Tamén algo de bravura, por suposto. E moita amizade. Vanesa e Lúa coñécense dende sempre, foron xuntas ao cole, tocaron xuntas na banda e agora sorpréndense falando das declaracións trimestrais e do seguro de autónomas. Unha cousa máis.

Por suposto, comparten tamén as ledicias. Neste pouco máis dun mes de andaina, os veciños recibiron o proxecto cos brazos abertos. Contaron con elas para bautizos, vodas, comuñóns e sesións persoais. Algún concello tamén as chamou para a realización de vídeos promocionais. Despois de compaxinar os seus estudos con algún traballo a media xornada, este é o primeiro que verdadeiramente lles apaixona.

"Fainos moita ilusión coñecer persoas que, doutro xeito, talvez non coñeceriamos, e que están a carón nosa. Se cadra no futuro non se lembran de nós, pero o que é seguro é que mirarán o álbum e desfrutarán desas fotografías que fixeron en momentos importantes da súa vida", indica Lúa. "Gústanos poñernos no lugar desas persoas, facer deses momentos algo especial e estamos a aprender moitísimo con esta experiencia", engade.

De feira en festa cun pano de fondo
Un dos proxectos que Lúa e Vanesa avistan nun futuro é o de desprazar o estudo da súa base en Antas de Ulla a distintas aldeas e vilas da comarca da Ulloa con motivo da celebración de feiras ou festas. Así, queren recrear eses escenarios que os fotógrafos despregaban antano, cando a fotografía era na Galicia rural unha profesión ambulante e os panos de fondo transportaban as xentes retratadas a outras localizacións. "Queremos facer fotografías coma se facía antes, e revelalas no momento, pero coa tecnoloxía que temos hoxe en día"», comenta Lúa Catuxa.
Vocación
Saben que para este proxecto terán que esperar a que a situación sanitaria mellore, pero confían en que chegará o momento de saír coa cámara e retratar festas que volvan ser festas, feiras cheas de xente e verbenas nas que os bailes volvan ser pegados. Así, unirán as súas

Comentarios