domingo. 07.03.2021 |
El tiempo
domingo. 07.03.2021
El tiempo

O Zuleiro bota a andar grazas ao empeño dun grupo de veciñas nunha compra sostible

2021011712073231693
Raquel Raquel, unha das integrantes do grupo de consumo, coa súa cesta o pasado xoves. O ZULEIRO
20 persoas que recollen as cestas cada 15 días en Monterroso integran este grupo de consumo

Zuleiro é o nome que, nas casas da Ulloa -e non só-, recibe o lugar onde gardar o gran e os produtos das colleitas. O grupo de consumo que botou a andar hai un ano na comarca quixo servirse del para así tamen rescatar un xeito de alimentación máis sostible, planificada e racional.

Todo comezou cando hai máis dun ano unhas veciñas do municipio de Antas de Ulla propuxeron unha reunión para sondear a vontade que puidera haber no concello de crear un grupo deste tipo. A resposta sorprendeunas para ben, con máis de 15 asistentes. No rural, onde quen máis e quen menos ten produtos da casa e da horta, consideraron este un bo número por resposta, segundo conta Patricia Coucheiro, unha das impulsoras.

A idea fundamental era a de organizarse para facer unha compra máis responsable, xusta e sostible. Comprar sen saír da Península, ou coutando o espazo o máximo posible a Galicia e ao norte de Portugal no caso de todos aqueles produtos que xa de por si non se atopan na contorna máis próxima, como os arroces, sucres ou determinadas froitas. E tamén contar cos propios produtores ecolóxicos da zona para a compra dos produtos perecedeiros, como leite, ovos, froita ou legumes.

O Zuleiro reparte xa produtos para 20 casas da comarca dende o mes de setembro

De acordo coa filosofía deste tipo de consumo, elas tamén foron paseniño. Primeiro déronse tempo para entrar en contacto con outras iniciativas, para analizar erros e acertos. En marzo xa ían botar a andar, pero a situación sanitaria e a declaración do estado de alarma complicou as cousas, inda que tamén evidenciou a necesidade deste tipo de iniciativas. Por iso, continuaron.

O Zuleiro reparte xa produtos para 20 casas da comarca dende o mes de setembro. Catro son as personas que se encargarán da organización do grupo até o verán que vén, para despois rotar noutros integrantes este traballo que é voluntario.

Os participantes no grupo reciben un formulario, a través do Whatsapp ou do correo electrónico, para realizar os seus pedidos. Despois, os organizadores vólcano e, cos produtores xa identificados, fan unha compra que reparten cada quince días nun local que lles foi facilitado polo Concello de Monterroso.

A cesta quincenal é de produtos perecedeiros de produtores da zona, e cada tres meses fan tamén un pedido de produtos non perecedeiros. A diferenza doutros tipos de grupos nas cidades, aquí a compra está feita á medida. Cadaquén compra o que quere e o que precisa. «No rural non é válida unha única cesta para todos os integrantes, pois hai persoas que producen certos alimentos na casa», comenta Patricia.

Este lugar tan prezado da casa, O Zuleiro, está aberto a calquera persoa. As interesadas poderán poñerse en contacto co grupo a través dos teléfonos ou correo que facilitan na páxina de Facebook, e pagar 20 euros de alta, que serven para sufragar gastos correntes, como comprar bolsas de papel ou pagar os custos de transporte de produtos que veñen da Península.

Cando a situación o permita, O Zuleiro tamén ten pensado organizar algún evento para falar da filosofía que move esta práctica de consumo, "da necesidade dunha compra máis ética e responsable, e tamén de visibilizar os produtores da zona", conta Patricia, sabedora de que todo chegará ao seu tempo, coma a colleita.

"Son iniciativas pioneiras para a alimentación sa e sustentable"
2021011712073193966Marc Bisquert, que pertence ao Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC, situou O Zuleiro como o último grupo de consumo creado en Galicia antes da declaración do estado de alarma. Así o recolleu no artigo ‘Iniciativas colectivas de consumo ecolóxico en Galicia: panorama actual, modelos e acción socioeducativa’, que publicou en setembro.
En que momento se atopan estas iniciativas en Galicia?
Aparecen moitas a partir da crise do 2008. No 2019 houbo tamén un pico. Incluso neste tempo coa pandemia apareceron varias, en Terra de Montes, no Grove e en Xermade, entre outras.
Cal é o potencial socioeducativo destas iniciativas do que fala no seu traballo?
Son iniciativas que despregan estratexias pioneiras de relación coa alimentación dende un punto de vista de sustentabilidade social e ambiental. Son proactivas á hora de establecer redes de comunicación e relación cos produtores. Moitas tamén desenvolven xornadas, mercados ou charlas. Supoñen a vangarda á hora de procurar unha alimentación máis saudable e sustentable.

O Zuleiro bota a andar grazas ao empeño dun grupo de veciñas nunha...
Comentarios