A Ulloa, entre as incertezas e as seguridades

Unha enquisa electoral prevé apertados resultados en Antas e Monterroso e folgada maioría do PP en Palas
photo_camera Resultado da enquisa sobre as eleccións en Antas de Ulla. EP

Unha enquisa publicada no periódico mensual Crónicas da Comarca, sobre os posibles resultados nas municipais do próximo 28 de maio nos tres concellos da comarca da Ulloa, dá uns resultados incertos en Antas de Ulla e Monterroso, onde se apunta á necesidade de pactos para poder gobernar, mentres que no caso do Palas de Rei o PP podería verse aínda máis reforzado.

Cunha maioría absoluta que en Monterroso e Palas está en seis concelleiros e en cinco en Antas (a corporación perde dous escanos en relación a 2019), os populares corren o risco de quedarse sen este feudo histórico, onde desde 1999 goberna o actual rexedor, Javier Varela. De feito, nos pasados comicios o PSOE –liderado tamén por Pilar García Porto– xa se quedou a só 21 votos de conseguir o quinto concelleiro e empatar así co PP. De producirse ese empate, o papel que poderían xogar os independentes de Ava sería fundamental, xa que un posible pacto cos socialistas serviría para un cambio do bastón de mando.

Sen dúbida, a batalla entre PP e PSOE por conquistar esta praza será determinante nos próximos meses, xa que ao longo deste mandato tanto Xunta (PP) como Deputación (PSOE) fixeron importantes actuacións neste municipio.

Monterroso

Pero se en Antas os resultados prevense moi apertados, o que poida ocorrer en Monterroso é todo unha incógnita, sobre todo despois de saber que os candidatos que en 2019 conseguiron un empate técnico –Antonio Gato, por IxM, e Rafael García, por parte do PSOE– serán os que encabecen a lista dos socialistas en maio.

O problema é que agora a ambos lles pode pasar factura todo o acontecido na primeira metade deste mandato. E é que se tanto Gato como García xa se enfrontaron polo único voto que en 2019 decantou a victoria polo primeiro deles, o posterior goberno de coalición entre ambos tampouco funcionou e acabou nunha estrepitosa ruptura.

A raíz de ese episodio, unha serie de carambolas deixou a Gato fóra de IxM, mentres que a súa teórica número dous, Rocío Seijas, acabou por facerse coa alcaldía en coalición cos populares.

Precisamente, segundo a enquisa de Crónicas da Comarca, o PP sería o máis beneficiado de todos aqueles acontecementos e en maio estaría en disposición de obter ata cinco concelleiros, mentres que os independentes, no mellor dos casos, terían tres. De producirse un resultado así, probablemente, habería un intercambio de papeis á fronte da alcaldía, pasando o actual tenente de alcaldesa, Eloy Pérez, a ser o rexedor, e Rocío Seijas, a súa segunda.

E mentres, en Palas de Rei, as cousas parecen estar moito máis claras cun PP que, con Pablo Taboada á fronte, podería ver incrementada aínda máis a súa maioría pasando do actuais sete a oito concelleiros. E é que de momento a candidata socialista, Ana Corredoira, a quen lle outorgan entre dous e tres concelleiros, parece non estar en disposición de contrarrestrar a marcha do histórico Horacio Rouco.

En todo caso, estes resultados na Ulloa non deberían variar a actual repartición dos dous deputados provinciais que aporta o partido xudicial de Chantada e que se dividen entre PP e PSOE.

Comentarios