jueves. 09.04.2020 |
El tiempo
jueves. 09.04.2020
El tiempo

Monterroso no foco: todo un pobo escrutado

Unha veciña de Monterroso pasa xunto a un muro onde foi retirada a propaganda electoral. XESÚS PONTE
Unha veciña de Monterroso pasa xunto a un muro onde foi retirada a propaganda electoral. XESÚS PONTE

Os carteis desapareceron das rúas do municipio, pero os candidatos seguen ocupando as conversas dos veciños despois do insólito empate a 798 votos entre García e Gato

Xa non hai rastro das eleccións municipais nas rúas de Monterroso. Este ano, por vez primeira, os carteis electorais foron retirados un día despois do escrutinio, por iniciativa do PP e co apoio do goberno municipal. As paredes xa non falan, por tanto. Sen embargo, non escoitan outra cousa. Antonio Gato, Rafael García Filgueira e Eloy Pérez Sindín están na boca de todos os veciños.

Non é para menos. Non todos os días as dúas listas máis votadas empatan a 798 votos. Non todos os días se disolve o partido que goberna. Non todos os días o que foi no seu día alcalde polo PSOE se manifesta agora, á fronte de Independentes por Monterroso, a favor dun pacto co PP. Como a lista suma e segue, os veciños están cansos de que as excepcións sexan cousa de todos os días. O clima político, con temperatura, pesa.

É certo que de todo se aprende. Ninguén lle pode dicir hoxe a ningún veciño de Monterroso que non foi votar porque un voto non cambia as cousas. A xente seguía onte á espera de que a xunta electoral de Chantada dilucidase por fin o sufraxio impugnado polo PSOE, que desempataría a lista con IxM. Nunca un sobre deu tanto do que falar: "Pero... foi un sobre azul que se coou na urna das municipais?", "e ninguén se deu conta diso na mesa?", "pero como puido estar tanto tempo un sobre azul en medio dos brancos?", "a culpa é dos da mesa!", "estamos tolos ou que?", "menuda chapuza", comentan os veciños.

CON OU SEN VOTO. Sen embargo, as dúbidas sobre o voto non deixaban de ser unha especie de resaca. O foco das conversas desprazárase onte á disposición manifesta de Gato de pactar co PP. Ninguén quere identificar a súa opinión, e menos aínda ver a cámara de fotos cerca. Pero, gardado o anonimato, o volume comeza a subir nun grupo de maiores que se protexen do sol nun banco dunha das prazas da localidade.

"Os políticos, agora, xa se sabe como son, van e veñen", di unha voz feminina. "Pareceunos mal o que fixo hai catro anos", matiza outra muller, pola renuncia de Gato á acta de edil do PSOE, tras perder a alcaldía, que desencadeou a creación da súa lista independente. "Non pensabamos que volvería", indica outra. "Resucitou despois de catro anos!", exclama un dos homes alí reunidos.

DISCREPANCIAS. Na outra esquina da rúa, a conversa escóitase de lonxe. Apoiados nun deses muros recén espidos de carteis, dous veciños discuten con este xornal en man. "Un cambia chaquetas!", exclama un, votante confeso do PP, a quen non lle fai ningunha gracia que o partido ao que deu o apoio pacte agora con Gato. E son varios os votantes populares reacios a esta idea.

Normalidade na casa consistorial: os funcionarios esta alleos ao bulicio e administración funciona de maneira regular

Así e todo, para a meirande parte dos veciños entrevistados o importante xa non son os posibles pactos, senón que "se decidan xa e poñan fin a esta situación". E cando din "esta situación" refírense, por unha banda, á incerteza do escrutinio e das alianzas e, por outra, "aos catro anos que levamos parados no municipio", en referencia aos de goberno de Inta, co que algúns son críticos.

"A xente quere unha boa xestión, o resto dá igual", comenta un veciño, que tamén indica que en Monterroso as ideoloxías non son demasiado fortes, o que revela o baixo número de afiliados por partido. "Para min, coma se se turnan o mandato", di outro, que dende outro punto da vila semella corroborar a opinión anterior.

O que todos dan agora por feito é o que, hai un tempo, sería o máis improbable: que Gato volvese ao goberno. "Pois se vén, que veña! Xa gobernou 15 anos. É maior, é certo. Pero maior tamén son eu, e aquí estou traballando", comenta unha propietaria dun negocio na capital do municipio. Semella que os veciños arelan unha situación de normalidade. Que a resaca electoral acabe, porque, aínda que as paredes están xa espidas, todos os seguen escrutando.

Monterroso no foco: todo un pobo escrutado
Comentarios