Se eu fose alcalde...

"Temos que traballar para impulsar Monterroso como o municipio máis puxante da comarca da Ulloa"

Sindín
photo_camera Eloy Pérez Sindín. EP
ELOY PÉREZ SINDÍN
Candidato do PP en Monterroso
Idade: 51 anos
Profesión: Enxeñeiro agrícola e asesor
Primeiro ano como candidato: 2019.
Afeccións: Lectura e pasar tempo charlando cos amigos.


Eloy Pérez Sindín dedícase profesionalmente á asesoría e á elaboración de proxectos agroindustriais e agropecuarios. Actualmente é o primeiro tenente de alcalde do Concello de Monterroso e encabeza a lista dos populares ás eleccións municipais do 28 de maio.

O seu primeiro encontro coa política foi en 2019 como candidato á alcaldía, un reto que volve asumir "con gran responsabilidade" e que afronta, ao igual que fixo coas tarefas municipais neste mandato, con "seriedade, humildade e respecto". Destaca o seu "absoluto compromiso con Monterroso" e a súa decisión de traballar intensamente en beneficio do municipio e dos seus veciños; sempre dende a escoita activa e a vontade de atender as súas propostas.
O candidato popular explica que "foron moitos os proxectos que impulsamos e levamos a cabo ao longo destes dous últimos anos e medio dende o goberno municipal"; pero tamén avanza que "hai moito por facer" porque cre "nas posibilidades da nosa vila". De feito, ten en mente xa varios proxectos de relevancia que garantan servizos aos veciños e impulsen a Monterroso como capital da comarca da Ulloa.

"Seriedade, eficacia e sentidiño", piares da súa xestión

O candidato popular á alcaldía comprométese a xestionar con "seriedade, eficacia e sentidiño", como di que leva demostrado co seu traballo como tenente de alcalde. Cre que "non se poden malgastar os cartos públicos" facendo referencia a proxectos mal prantexados por parte de gobernos anteriores.

Eloy Pérez subliña que "o Partido Popular avanzou na mellora das infraestruturas e na ampliación de servizos aos veciños dende o goberno local". Co obxectivo de mellorar a imaxe de Monterroso, impulsou dende a área de Obras e Infraestruturas distintas actuacións de mellora nas rúas G —xunto á igrexa parroquial—, San Antonio, Rosalía de Castro, Emilio Álvarez e Miguel Olivas Soto. Tamén foi mellorada a sinalización viaria do parque empresarial e da vila de Monterroso.

O aspirante popular demostrou a súa implicación co rural coa mellora das canalizacións e vías que comunican os distintos lugares do municipio, grazas á xestión eficiente tanto de fondos propios do Concello coma das achegas doutras administracións. Igualmente, impulsou a fibra óptica en máis do 80% do territorio sen que supuxera gasto para o Concello.

E en materia de deportes, que é outra das competencias dos populares no goberno local, amosaron o seu apoio ao deporte base e impulsaron melloras nas instalacións dos dous deportes máis practicados no concello: unha nova pista de pádel e a renovación do céspede e os vestiarios do campo de fútbol, ademais da reforma da cafetería.

Proxectos importantes da man coa administración autonómica

Como parte do goberno municipal, Eloy Pérez amouse como parte activa para facer posibles proxectos importantes para Monterroso. De feito, trasladou varias propostas ao Goberno autonómico que teñen como resultado, por exemplo, a creación do Centro de Interpretación ‘Monterroso, a vila das feiras’ que contou co apoio da Xunta.
Igualmente, logrou o compromiso para a construción dunha nova planta depuradora de augas residuais. A administración autonómica dirixe 120.000 euros á redacción do proxecto que xa está en marcha e reserva para as anualidades 2023 e 2024 máis de 2,5 millóns de euros. Igualmente, está en fase de redacción un convenio para a reforma e posta en valor da área recreativa da Peneda. 

Atención aos maiores e mellores comunicacións

O candidato popular a alcaldía sinala que "Monterroso precisa dispoñer canto antes dunha residencia da terceira idade", algo que terá o municipio se Eloy Pérez Sindín chega á alcaldía, segundo asegura tras explicar que a vivenda comunitaria non garantiza servizos de calidade.
Eloy Pérez propón a implantación dunha residencia no centro sociocultural Lorenzo Varela, por ser un lugar amplo e céntrico na vila, como residencia de maiores. E os servizos do centro sociocultural trasladalos ao espazo da vivenda comunitaria, unha vez rehabilitadas as instalacións.
Tamén se compromete a "trasladar ás distintas administracións as propostas para mellorar as comunicacións da vila de Monterroso e do seu polígono industrial para que sexa atractivo para continuar asentando empresas". Por suposto, o popular quere «seguir mellorando a rede viaria municipal que facilita a mobilidade dos veciños de tódalas parroquias».

Un municipio con potencial emprendedor e turístico

O aspirante popular á alcaldía, que sempre ten palabras ilusionantes sobre Monterroso e o seu potencial de desenvolvemento e crecemento, asegura tamén que "hai moito patrimonio histórico e cultural que promover, igual que o natural, especialmente o relacionado co río Ulla".
Deste xeito, contribuírase a impulsar o sector turístico en Monterroso; sen esquecer que "é a vila máis atractiva da comarca da Ulloa tamén para asentar poboación de concellos limítrofes e, polo tanto, ten que ser un municipio de servizos e no que a administración local colabore co tecido empresarial e favoreza a implantación de novas empresas e o emprendemento, de forma que se reteña o talento local".

Compromiso
Traballo serio e atención aos veciños
Eloy Pérez compromete "traballo, seriedade, respecto e atención aos monterrosinos". De feito, o candidato do Partido Popular á alcaldía de Monterroso agradécelles aos veciños e veciñas deste municipio da Ulloa "a boa acollida das nosas propostas e accións dende o goberno". Así mesmo sinala que "queremos seguir xestionando proxectos para impulsar Monterroso e mellorar os servizos aos veciños". Un dos exemplos nos que se implicou o candidato popular foi no Centro de Interpretación ‘Monterroso, a vila das feiras’ que anteriormente intentaran outros gobernos municipais, pero que non se materializou ata a chegada do PP ao goberno local. O museo, que alberga importante material, documentación e pezas doadas por Carlos Méndez, contou coa colaboración da Xunta de Galicia, institución que achegou, pola súa banda, 200.000 euros que se engaden aos 50.000 aportados polo Concello de Monterroso.
monte2

Comentarios