Tamara Varela: "Este libro é un anaquiño de min co que quero situar a Antas no mapa"

A autora ullá vén de autopublicar a súa primeira novela, Infinito más uno. Nove anos despois de comezar a escribir esta historia, decidiuse darlle un final que dista moito do que imaxinara inicialmente

Tamara Varela. EP
photo_camera Tamara Varela. EP

A ILUSIÓN que desprende a voz de Tamara Varela (Antas de Ulla, 1992) ao falar do seu primeiro libro publicado enche a liña telefónica. Sóanlle as palabras a esperanzas infantís que comezan a tornar reais. E é que Infinito más uno —así se titula a novela— é unha historia de amor e desamor que comezou a cociñarse cando a autora aínda andaba a cabalo entre a adolescencia e a vida adulta. Esta veciña da parroquia de A Cervela compaxina a escrita cos estudos de Administración de Empresas e mais co mundo laboral. O tempo que lle adicou ás letras dá agora os seus froitos. Dende o 3 de xullo xa se pode mercar en Amazon o seu libro, tanto en e-book coma en formato físico.

Infinito más uno é unha novela romántica protagonizada por Ari e mais Hugo. Que tipo de historia se agocha detrás deses nomes?

É unha historia de amor, claro. Afonda nunha relación que comeza moi ben, pero que logo vai empeorando. Trata eses vaivéns que sempre aparecen na vida e presta atención ás secuelas que deixan, a esas cousas que te marcan. É unha novela na que as personaxes tamén deberán loitar contra os seus propios medos.

Comezaches a escribilo hai nove anos. Que te levou a parar daquela e que foi o que te empuxou a retomalo agora?

Si, con dezasete anos redactara os primeiros catro capítulos, pero nesa xuventude había cousas que me interesaban máis [ri]. Iso si,nunca me deixou de gustar o de ler e o de escribir. O que ocorre é que son moi intermitente e tampouco me sobra o tempo. Teño un montón de historias empezadas, pero sempre volvo a elas, gústame rematalas. Eu non son de deixar as cousas a medias. No caso de Infinito más uno, un día relín o que tiña escrito e pensei que non estaba tan mal, que por que non seguir e darlle un final a esa historia. Notei moito o cambio de mentalidade e de inquedanzas respecto a aquel primeiro achegamento. De feito, o final definitivo é totalmente diferente ao que tiña en mente daquela.

Ese gusto pola escrita xa xermolou en ti dende ben nova.

Sempre me gustou moito ler e escribir. Lembro que ao principio facía poesía con temática de Nadal. Con cinco anos xa participei nun concurso da biblioteca de Antas. Alí foi onde comezou esta querenza polas letras, foi o sitio onde naceu todo, a verdade. Acórdome que daquela lle preguntaba a meu irmán "a ver, con que rima Nadal?". Logo xa pasei a facer algún relato curto e fun gañando algún que outro premio. Pouco a pouco, descubrín que escribir me relaxaba. É como o deporte para outras persoas, axúdame a evadirme.

Polo xeito no que falas desa biblioteca, entendo que lle gardas moito cariño a ese espazo da túa terra.

Por suposto! Lembro todo aquilo con moito afecto. É máis, penso que este libro é un anaquiño de min co que quero situar a Antas no mapa, o meu recuncho no mundo. Pode chocar que a novela estea escrita en castelán ao ser eu galegofalante. Oxalá vaia ben e se poida traducir! É que en realidade eu prefiro redactar na nosa lingua, pero pensei que o castelán abranguía máis.

Foi ese tamén o motivo de escoller a autopublicación como método de saída ao mercado?

A autopublicación paréceme a mellor forma para iniciarse neste mundo e darse a coñecer. Non é doado traballar con editoriais de primeiras, así que decanteime por esta opción que, ademais de sinxela, é bastante económica.

Estás traballando nalgún proxecto máis que poida seguir estes pasos?

Pois agora mesmo estou escribindo outra novela. Tamén é de xénero romántico xuvenil, o meu favorito malia ler de todo. Con esta si que estou partindo de cero.

Comentarios