Presidente de troiteiros río Furelos de Melide

Xavier Pazo: "A situación este ano foi a peor, atopamos moito máis lixo que en edicións anteriores"

Este colectivo de pescadores melidao leva 18 anos realizando distintas xornadas anuais de limpeza de ríos. En catro días de traballo durante este 2022, os máis de vinte participantes nesta actividade sacaron 1,2 toneladas de residuos dos leitos do Furelos e o Martagona
Membros do colectivo tras a limpeza -Xavier Pazo, segundo pola esquerda-. EP
photo_camera Membros do colectivo tras a limpeza -Xavier Pazo, segundo pola esquerda-. EP

A ASOCIACIÓN de pescadores Troiteiros Río Furelos sempre fixo gala dun férreo compromiso coa conservación e mantemento dos leitos fluviais e a súa contorna. Con esta filosofía iniciaron hai 18 anos as denominadas Xornadas de Limpeza do Río Furelos. O presidente deste colectivo, Xavier Pazo, detecta que este ano se deu un pequeno paso atrás, ao subir considerablemente o volume de residuos recollido.

Cando realizaron esas xornadas de limpeza do río?
As xornadas empezámolas a realizar hai 18 anos, sempre as facemos o último sábado de agosto e os dous primeiros de setembro. Un dos días dedicámolo ao río Martagona e os outros dous ao Furelos. Este ano, como tamén vimos facendo desde fai varios, tamén colaboramos con Adega na xornada simultánea de limpeza de ríos, que nós realizamos o pasado día 24 no leito do Furelos.

Que balance fai da campaña deste ano?
Pois a verdade é coma se désemos un paso atrás, porque despois de varios anos nos que parecía que o volume de residuos nos leitos destes ríos ía a menos, este ano atopámonos con máis lixo do que esperabamos.

Este ano atopamos un somier de arames, pero houbo unha ocasión na que ata demos cun coche no fondo do río

Tanto atoparon?
O primeiro día, no río Furelos, sacamos uns 300 quilogramos de lixo e na limpeza que realizamos durante a segunda xornada no Martagona calculamos que foron 700 quilos. O volume foi tal que tivemos que pedir ao Concello que enviase un camión da limpeza para transportar todo o que atopamos. O último día, tamén no Furelos, sacamos outros 100 quilogramos, unha cantidade similar á que sacamos o día 24 noutro tramo de catro quilómetros deste mesmo río. En total, foron 1.200 quilogramos que sacamos de lixo en só catro días de traballo.

A cantidade final é unha barbaridade. Que tipo de obxectos adoitan atopar?
O que máis son plásticos agrícolas procedentes de silos, o que non deixa de ser unha mágoa porque sabemos que os tres concellos polos que adoitamos actuar —Melide, Toques e Santiso— recollen este tipo de residuos. Tamén nos atopamos moitas rodas, tanto de turismos como de maquinaria agrícola, e arames.

E os obxectos máis curiosos?
Este ano atopamos un somier de arames, pero houbo un ano no que ata demos cun coche. Antes tamén era común atopar televisións vellas ou frigoríficos, pero ese tipo de obxectos abandonados adóitanse ver agora máis polos montes que no río.

En todo caso é unha falta de civismo. A que cre que se deben eses comportamentos?
Loxicamente hai un claro problema de concienciación da veciñanza, pero tampouco axudan certas deficiencias que son responsabilidade das administracións públicas subsanalas. Por exemplo, non contar cunha depuradora no polígono empresarial fai que periodicamente se produzan vertidos e por iso urxe que se faga unha inversión neste sentido. Outra deficiencia é a falta de puntos limpos onde os veciños poidan depositar aqueles obxectos que xa non usan.

Pero en Melide si hai punto limpo.
Efectivamente en Melide hai, pero en Santiso e Toques non. O problema é que do punto limpo de Melide só poden facer uso os veciños censados neste municipio, mentres que os dos outros dous concellos non teñen onde depositar este tipo de obxectos. Eu creo que as administracións públicas teñen a obriga de chegar a acordos entre elas para evitar estas situacións e facilitar as cousas ao veciños.

Non resulta algo frustrante ver que ano tras ano o río vólvese encher de lixo?
Se cadra hai xente que pensa que pode utilizar o río como vertedoiro, pero nós seguiremos limpando e non nos cansaremos de facelo.

Cantas persoas adoitan participar nestas xornadas?
Normalmente acudimos entre 20 e 25 persoas, entre socios do colectivo e voluntarios.

Realizan máis actividades para tentar concienciar á xente da necesidade de manter limpos os ríos?
Adoitamos ir a centros de ensino a impartir charlas, contamos as nosas experiencias e ensinamos vídeos do que nos atopamos no río. Aínda así, neste tipo de actuacións falta un compromiso máis firme por parte das administracións. Concienciar aos máis pequenos é moi importante.

Este ano estase falando moito da seca, está a afectarlles?
O río efectivamente vai baixo nalgunhas zonas, pero polo Furelos e o Martagona, non sabemos ben o motivo, baixa este ano máis auga que no anterior. Nós esperamos que a situación mellore no outono e que coas choivas se recupere pronto o nivel.

E se non chove?
A nivel de pesca, se a seca persiste a troita terá dificultades para criar, polo que será dentro de dous ou tres anos cando realmente se produza o problema.

Comentarios