Martes. 13.11.2018 |
El tiempo
Martes. 13.11.2018
El tiempo

Savia nova para cambiar o campo

Ana Corredoira e Adrián Frade na súa granxa. VICTORIA RODRÍGUEZ
Ana Corredoira e Adrián Frade na súa granxa. VICTORIA RODRÍGUEZ

A idea de transformar toda a súa producción en leite ecolóxica para facer iogur é a que levou a unirse as granxas Maruxa e A Cernada para crear a cooperativa As Vacas da Ulloa. Ana Corredoira e a súa familia son un exemplo de mozos formados que loitan por dignificar o rural

Ana Corredoira, a súa parella, Adrián Frade; o seu irmán, Julio; a súa nai, Carmen Vázquez, e a súa amiga, case unha irmá maior adoptiva e propietaria de Granxa Maruxa, Marta Álvarez, son os impulsores da cooperativa As Vacas da Ulloa, un proxecto que arrincará en abril coas súas primeiras probas e que supón un exemplo de innovación, co que os seus promotores persiguen explorar novas saídas para darlle ao rural un futuro digno.

Pero para entender este proxecto empresarial é necesario coñecer a historia de Ana e da súa familia, de como no ano 2002, cando ela e o seu irmán eran aínda uns nenos, os seus pais lograron materializar ese soño de poñer en marcha unha granxa de produción ecolóxica –As Cernadas– cando aínda ninguén sabía moi ben que significaba realmente ese selo ecolóxico.

Tras a morte do seu pai en 2014, Ana, bióloga de formación, decidiu aos seus entón 25 anos coller xunto ao seu irmán as rendas da explotación. "Foi unha etapa dura a nivel persoal, pero non foi unha decisión traumática no sentido de que non me supuxo romper con nada, porque eu "mamei" durante toda a miña vida o traballo na granxa e nunca me vin noutro lugar que non fose na Cernada", explica a moza.

Ana recoñece que, no seu caso, xa tiña moito camiño andado, "o meu pai tiña claro o seu proxecto", e contar co asesoramento da súa nai, "que traballa como o que máis", é fundamental para que A Cernada siga avanzando. "Outra cousa sería empezar totalmente de cero, porque a pesar desas campañas institucionais coas que se convidan os mozos para emprender no rural, o certo é que de non haber detrás unha explotación como esta, que xa está a traballar dende hai tempo, sería inviable emprender unha iniciativa como esta".

Vacas da Ulloa. VICTORIA RODRÍGUEZ

Hoxe A Cernada é unha explotación cunhas 110 cabezas, na que se produce leite ecolóxico procedente de vaca parda alpina e frisona, fundamentalmente. "Os meus pais sempre produciron en ecolóxico case sen sabelo. Por iso é polo que fomos unha das primeiras explotacións da zona en obter este selo", explica Ana, quen lembra que naqueles primeiros anos de principios da década do 2000, cando viaxaba co seu pai ás distintas feiras, "era difícil facerlle entender á xente que era o que tiña unha vaca ecolóxica que non tivese calquera outra, polo que tiñamos que facer un labor case didáctico".

"Afortunadamente, esa perspectiva cambiou e os produtos "eco" teñen agora un mercado máis amplo, quizais porque tamén hai unha maior conciencia ambiental. En todo caso, unha grande parte do noso leite ecolóxico continúa indo para as grandes industrias e estas organizacións máis que da ecoloxía preocúpanse das cifras, polo que o noso plan de futuro vai por outros camiños", explica con rotunda convicción esta muller.

Pero Ana non só demostra unha madurez e unha capacidade de convicción case impropia para unha moza da súa idade, senón que tamén é capaz de contaxiar coas súas palabras toda a ilusión e ganas que ten depositadas no proxecto. "Pero sempre cos pés no chan", matiza.

Ese soño, que está a piques de materializarse en poucas semanas, é poñer en marcha na mesma explotación da Cernada un obradoiro para elaborar iogures, co obxectivo de que a medio prazo "sexamos capaces de transformar a totalidade da nosa produción" láctea.

As Vacas da Ulloa. VICTORIA RODRÍGUEZ

O proxecto, que conta coa axuda do GDR Miño Ulla, ten un orzamento de 200.000 euros. O obradoiro onde, co tempo, se pretende transformar os 350.000 litros anuais de leite que produce As Cernadas e os 175.000 de Granxa A Maruxa xa está practicamente finalizado e as primeiras analíticas e controis empezaranse a realizar ao longo deste mes de abril, co fin de que en torno ao verán xa se poidan poñer á venda os primeiros iogures.

Para cando isto ocorra, Ana Corredoira ten tamén moi claro cal será o seu plan de negocio. "A nosa intención non é buscar volume nin incrementar produción, senón manternos fieis á nosa filosofía actual e poder situar o noso produto no mercado para poder vendelo con dignidade", explica.

Esta moza emprendora engade que a súa intención cando chegue ao mercado non é competir en prezo, "xa que iso é imposible fronte ás grandes multinacionais", pero si que aspira a facerse cun oco no denominado mercado de proximidade.

As Vacas da Ulloa. VICTORIA RODRÍGUEZ

OUTROS PRODUTOS. Co tempo, As Vacas da Ulloa tamén aspiran a ampliar a súa gama de produtos máis aló da súa liña de iogures. Neste sentido, unha das ideas que rolda pola cabeza dos socios da cooperativa é realizar natas e manteigas, "que nos poidan permitir entrar noutros sectores como o da cociña e repostería profesional", explica Ana Corredoira.

O proxecto xa lles permitirá a curto prazo crear algún posto de traballo no obradoiro, augura Ana, "aínda que, sobre todo ao principio, o grao de implicación de todos os socios da cooperativa no traballo diario será total".

Desde logo, o que non falta no proxecto son ilusión e ganas por lograr vivir no rural de forma digna. Ana teno claro. "Sei o duro que é o traballo nunha granxa, pero pretendo demostrar que é posible outra forma de explotar os nosos recursos dunha maneira sustentable e facelo ademais de forma na que non teñamos que renunciar a dereitos básicos que parecen exclusivos doutros traballos, como ter tempo para un mesmo ou poder tomarse uns días de vacacións". Sen dúbida, unha gran aposta por mellorar o traballo no medio rural.

Savia nova para cambiar o campo
Comentarios