San Xusto da Repostería recupera os nomes de sempre para o seu novo rueiro

Os veciños instalaron medio cento de carteis identificativos na parroquia
José Manuel Miguélez e Julio Vázquez, na Avenida de Santo Domingo. EP
photo_camera José Manuel Miguélez e Julio Vázquez, na Avenida de Santo Domingo. EP

A Praza de Xan do Mingos chámase así porque alí está a casa de Xan do Mingos, a Praza de Entreportas honra á asociación veciñal, a Rúa da Fogueteira non podía ter outro nome porque é a que conduce ao lugar onde vivía unha muller coñecida como tal, a Travesía do Cunqueiro porque nela residía o cunqueiro da parroquia, o home que fabricaba cuncas, pratos e utensilios de madeira co seu torno. E así ata medio cento de avenidas, travesías, camiños e corredoiras de San Xusto da Repostería, en Palas de Rei, cuxos veciños quixeron recuperar os nomes de sempre para deixar constancia deles e que non acaben esmorecendo co pasar do tempo e o irse dos máis vellos.

Un dos 50 carteis identificativos instalados. EP
Un dos 50 carteis identificativos instalados. EP

A idea foi de Aníbal Sánchez, da Casa do Picho, que compartindo magosto con membros da asociación Entreportas comezou a barruntar que facer para o Entroido. Quería algo especial, distinto, porque en Santo Xusto o Entroido sempre foi especial, distinto.

"Había moitísima tradición del no século pasado, viñan ata buses de Melide", recorda José Manuel Miguélez, secretario do colectivo e encargado de elaborar medio cento de carteis identificativos que logo instalaron Eusebio Varela e Julio Vázquez, compañeiros seus. "Pero polos anos 70 comezou a ir para abaixo. Non se deixou de facer nunca, salvo un par de anos, pero non é coma antes. Daquela eran tres días de ruada e o forte era o luns e o martes de Carnaval", prosegue José Manuel, que vai desgranando as actividades previstas para este sábado: un cocido a iso das 14.30 horas aderezado con postres elaborados polos propios veciños, "que para iso somos da Repostería", rin os organizadores; un pasarrúas ás 18.00 coa música das gaitas, do acordeón e dos instrumentos que poñen a soar os veciños, tal e como facía o gaiteiro de Santo Xusto, Ramiro Villamor, nos seus días. "Era a alma da festa", engade Miguélez, un espírito que contaxiou aos seus netos, músicos de profesión e vocación.

A idea orixinal foi de Aníbal Sánchez, quen contou coa axuda indispensable dos seus compañeiros da asociación Entreportas

Na xornada deste sábado, ademais, haberá unha merendola e baile alá polas oito da tarde e, como non, a inauguración deste especial rueiro ás cinco. A Currupia, a Rúa da Aurela que leva ao castro do mesmo nome, a Rúa da Igrexa ou a de Santo Domingo, que conduce á capela e ao lugar así chamado, son algunhas das vellas novas denominacións que servirán para apuntalar a memoria de Santo Xusto.

Comentarios