Rouban tabaco e os cartos da caixa e de dúas máquinas nun bar de Monterroso

O botín supera os 5.000 euros

Uns descoñecidos roubaron 700 euros en efectivo da rexistradora e doutra caixa onde se gardaban cartos para cambio e pagos de emerxencia na cafetería da Avenida de Monterroso. Os ladróns tamén rebentaron unha máquina recreativa e levaron consigo a máquina expendedora de tabaco, que apareceu nos arredores da localidade, sen paquetes de cigarros e sen cartos. Os delincuentes leváronse, ademais, a tableta da caixa rexistradora e un teléfono móbil.

O importe das perdas causadas polo roubo, se se avalían os danos causados nas instalacións e nas máquinas, supera os 5.000 euros, segunda a propietaria do establecemento.

Os asaltantes entraron no local de madrugada, despois de forzar a porta cunha pata de cabra. Non lles preocupou que as luces das instalacións estivesen acesas como medida disuasoria. "Xa tiñamos medo a un roubo e por iso deixamos o local iluminado", dixo a dona do Avenida, que optou por esta medida pola alarma que se xerou na localidade hai uns días, cando un grupo de cidadás estranxeiros foi sorprendido no momento en que estaba a piques de roubar nun establecemento hostaleiro.

Polo de agora non hai datos que permitan concluír que esas mesmas persoas fosen as que protagonizaron este roubo, á espera de que a Garda Civil peche as investigacións que realiza para esclarecer os feitos.

Comentarios