Rock reivindicativo no corazón de Galicia

Alba, Alberto, Marta, Aida e Lúa forman Cuarta Xusta, un grupo que nace no centro de Galicia e que coas súas frescas letras denuncian todo tipo de inxustizas sociais. Gañadores do Cantalingua e cun disco xa no seu haber, o futuro é seu

Cuarta Xusta. FACEBOOK
photo_camera Cuarta Xusta. FACEBOOK

O ROCK galego ten futuro. Cuarta Xusta é un deses grupos emerxentes que co seu bo facer están a lograr labrarse un porvir no difícil mundo da música. Este quintento de mozos con idades de entre 18 e 21 anos fíxose co Cantalingua, o concurso musical do Correlingua co que se pretenden potenciar aqueles grupos que fan do galego a súa bandeira.

«A nivel de visibilidade gañar o Cantalingua é xenial, xa que nos dá a oportunidade de darnos a coñecer entre o público en xeral e, sobre todo, que os máis pequenos poidan escoitar os nosos temas, algo así como o que nos pasou a nós co Xabarín da TVG», explica Lúa Aguete, a batería.

Lúa, natural de Antas de Ulla, é a única lucense dun grupo que, en certa medida, é unha fiel representación do corazón xeográfico de Galicia. De feito, Alba Vilariño (baixo) e Alberto García (compositor e guitarra) son de Agolada, mentres que Marta Sánchez (violín e guitarra) e Aida López (voz) proceden de Melide. «Representamos a tres provincias galegas. Xa só nos falta alguén de Ourense», rin.

Se é certo iso de que Deus os cría, a realidade neste caso é que a música os xuntou cando corría o ano 2016. Aquel ano foi a súa primeira experiencia encima dun escenario, concretamente, no festival Presume de Galego, organizado polo pub Gatos en colaboración co IES de Melide.

A partir de aí chegan os cambios. Alberto empeza a compoñer os primeiros temas propios e na parte instrumental incorpórase primeiro a batería e, seguidamente, as guitarras acústicas desaparecen para deixar paso ás eléctricas.

Coa súa personalidade xa definida, a andanza musical de Cuarta Xusta avanza por festivais como o Oktobert Fest de Melide ou o Kurrala Rock, neste último, compartindo escenario con outros grupos do panorama galego do rock, como Superoito ou Zënzar.

DISCO. Pero un dos momentos máis significativos desta nova formación chegou a principios deste ano. «Co diñeiro que fomos aforrando, puidemos producir o noso primeiro disco, Un novo espertar», explica Alberto.

O traballo inclúe oito temas propios que teñen en común a súa marcada liña social. «Berramos contra as inxustizas, a falta de traballo, a violencia de xénero, a corrupción política ou os incendios forestais», afirma Aida.

Pero do que se senten máis orgullos, segundo engade Alba, é das grandes colaboracións musicais que tivemos para realizar este traballo e detalla as achegas de artistas como «Vanesa Coucheiro, Javi Maneiro, Pablo "Jasper", Xosé Bocixa, Pablo Vázquez, Adán Fernández, Diego Agra, Paco Cerdeira, Vituco Neira ou Miguel Duarte».

Con todo, non foron os únicos e, nesa longa lista de recoñecementos, Marta destaca a «impagable» axuda de Paco Cerdeira á hora das gravacións, así como as contribucións de Miguel Duarte e Gloria López, encargados do deseño da portada e da fotografía, respectivamente.

O Cantalingua acaba de darlles a oportunidade de ofrecer concertos na Coruña, Lugo, Santiago e Mondoñedo. Unha experiencia que lles está encantando, xa que, ademais de poder tocar ante o público máis novo, «é unha oportunidade única de poder contar con medios e técnicos de primeiro nivel», explica Alberto.

Pero o verán para este grupo preséntase intenso e xa teñen pechadas un bo número de actuacións por toda Galicia para os próximos meses. A pregunta faise así case inevitable e aínda que vivir da música é a día de hoxe para eles case unha utopía, Alberto recoñece que, no seu caso, «máis que vivir xa podo dicir que sobrevivo grazas a ela».

Alba, Marta, Aida e Lúa admiten que, nos seus casos, o máis difícil é compatibilizar a súa paixón pola música cos seus estudos. Aseguran que a día de hoxe non pensan «no futuro a longo prazo», senón que simplemente pretenden seguir «gozando» da música e compatibilizar esta paixón cos seus estudos. Unha aspiración que tampouco lles resulta fácil, «a realidade é que cada un de nós reside nun lugar diferente, polo que atopar todas as semanas un momento no que poder xuntarnos e ensaiar é ás veces unha odisea».

É por iso que recoñecen que se non fose polo apoio da familia «sería imposible saír adiante». Pero, sen dúbida, o esforzo está a merecerlles a pena e Cuarta Xusta avanza con paso decidido para converterse nun dos futuros referentes do rock galego.

Letras reivindicativas e moi sociais, a pesar de que o de poñer cara de malotes aínda se lles faga difícil.

Comentarios