O río Ulla xa sabe onde nace

O xeógrafo e membro do Instituto de Estudos Ulloáns Horacio García aclara que o lugar de nacenza é a Chousa da Poteira, nos montes de Olveda, no termo municipal de Antas
Profesores e alumnos da facultade de Xeografía da USC con membros do IEU na Chousa da Poteira. EP
photo_camera Profesores e alumnos da facultade de Xeografía da USC con membros do IEU na Chousa da Poteira. EP

O Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) vén de lograr outro reto xeográfico. Se en novembro de 2019 a entidade recibía o informe que encargara ao Instituto Geográfico Nacional (IGN) para determinar o Centro Xeográfico de Galicia, na aldea de Nugallás, agora vén de clarificar o lugar de nacenza do río Ulla.

O xeógrafo Horacio García, socio do IEU e profesor de Xeografía na USC, situou este lugar na Chousa da Poteira, nos montes de Olveda, no mesmo concello ullán. No último número de Cairón, Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns o xeógrafo palense publicou o artigo Onde nace o río Ulla? Un percorrido científico na busca das súas fontes, no que dá as coordenadas precisas do nacemento do Ulla: 42º 43" 14,46"" Norte e 7º 50" 54,99"" Oeste.

"Algúns investigadores situábano na Serra da Vacaloura, no concello de Monterroso; outros na parroquia de Olveda, no concello de Antas de Ulla, e nos mapas do IGN na aldea de Cal de Mourelle, no concello de Taboada", según indicou Francisco Pardo Teijeiro, director da entidade.

O IEU reclama protección ambiental para o lugar e a súa contorna polo seu "gran valor xeográfico, ecolóxico e paisaxístico"

A metodoloxía científica utilizada por Horacio García susténtase no emprego de diversas variables de cálculo utilizadas en morfometría fluvial, ademais do Sistema de Información Xeográfica (SIX), co que obtivo a información espacial necesaria para os procedementos de cálculo. Das dez variables posibles para identificar o río principal dunha rede de drenaxe, utilizou oito para determinar a canle principal: caudal, área da cunca vertente, altitude da fonte, densidade de drenaxe, lonxitude máxima, nivel de xerarquización, pendente media do leito e índice de sinuosidade.

IMPORTANCIA. O xeógrafo salienta no seu artigo varias débedas pendentes con este achado: "Por unha banda, arranxar as dúbidas sobre as súas fontes mediante a divulgación e posta en valor da Chousa da Poteira como fito e lugar simbólico da comarca. O feito de mergullar a man no pequeno burato que dá orixe ao río Ulla ben paga a pena. Sentir como brota a auga das entrañas da terra é unha pequena viaxe sensorial. Esa mesma auga é a que logo de ducias de quilómetros rematará o seu periplo doce no océano Atlántico, dando orixe á ría galega por antonomasia, a senlleira ría de Arousa. E todo comeza aquí, no corazón de Galicia".

Conta Pardo Teijeiro que, co fin de coñecer o afloramento, membros do IEU acompañaron en decembro a profesores e alumnos da Facultade de Xeografía da Universidade de Santiago. "Nun fermoso percorrido por camiños augacentos, vellas carballeiras e espesos bidueirais poucas veces transitados, e nunha contorna de excepcional valor paisaxístico, a expedición chegou abraiada ao seu destino", indicou.

Teijeiro incidiu na "transcendencia" deste achado para toda Galicia e especialmente para os 20 concellos bañados polo río Ulla. "Demárcase unha cunca con principio e fin, de Antas de Ulla a Vilagarcía de Arousa, do bravo Alto Ulla ao morno Ullán, pasando polas fértiles e acolledoras terras da Ulla", explicou. Dende o IEU destacan que o nacemento do río Ulla, hoxe cientificamente localizado, precisa dunha especial protección dado o seu gran valor xeográfico, ecolóxico e paisaxístico, "en grave risco de impacto ambiental por posibles intervencións invasivas ou por visitas incontroladas" e reclaman "protección estrita do enclave e da súa contorna".

Comentarios