martes. 27.10.2020 |
El tiempo
martes. 27.10.2020
El tiempo

XOSÉ LUIS CARRERA

"O aumento das vendas nas queixerías grandes compensou a caída na hostalería"

Xosé Luis Carrera. ARCHIVO
Xosé Luis Carrera. ARCHIVO
Xosé Luis Carrera, presidente da DOP do queixo Arzúa-Ulloa, sinala que se mantivo a súa liña ascendente de produción no primeiro semestre do ano  

A denominación de Orixe do Queixo Arzúa-Ulloa mantén a súa produción nestes tempos de pandemia. Xosé Luis Carrera resalta que «acadamos un pequeno crecemento produtivo no primeiro trimestre do ano e agardamos seguir nesta liña para rematar o ano por riba dos 3,6 millóns de kilos que certificamos no 2019 ou ben manternos nas mesmas cifras».

Como afrontan as queixerías da Denominación este ano tan atípico e de tantas dificultades?

Detectamos un incremento do consumo nos fogares, que compensou a caída noutros mercados, como a hostalería e as feiras. Esta situación fixo que as queixerías máis grandes, que distribúen en cadeas de supermercados no conxunto do Estado, aumentaron a produción e compensaron a baixada das máis pequenas, máis enfocadas hacia a venda directa en mercados de proximidade. A pandemia xerou un lixeiro desequilibrio. Os pequenos produtores notaron máis o confinamento, pero están a recuperarse. Se mantemos esta tendencia acadaremos un aumento no volume de quilos certificados ao final do exercicio con respecto ao ano anterior.

Como consegue a DOP do Queixo de Arzúa-Ulloa manterse como segunda en vendas de España. Que a diferenza do resto?

É un produto cun sabor suave, aínda que con personalidade, e adáptase a todos os padais, o que permite que teña un amplo abanico de consumo de nenos a avós. Tamén é moi versátil para a súa utilización na cociña. Estas circunstancias fai que sexa moi demandado por todo tipo de público.

Cales son os seus principais mercados?

Entre o 75% e o 80% da nosa produción véndese en Galicia, pero cada vez crecemos máis no ámbito nacional. No estranxeiro vendemos entre o 5 e o 7% da produción, unha cifra testemuñal, pero importante, sobre todo se temos en conta que a maior parte dos nosos produtores teñen pequenas queixerías e non exportan.

Cales son os principais retos de futuro do consello regulador?

Temos varias liñas de actuación para seguir consolidándonos. Un dos nosos obxectivos é continuar co labor de catas comentadas nas escolas de hostalería, que paramos por mor da pandemia. É unha forma para que os alumnos, eses futuros cociñeiros e xefes de cociña, coñezan de primeira man as calidades do noso queixo á hora de elaborar as receitas. Tamén traballamos no deseño dun roteiro do queixo co fin de vincular gastronomía e turismo no territorio da nosa Denominación de Orixe. A nosa idea é ofertarlle ao visitante a posibilidade de visitar unha granxa de vacas, coñecer o proceso de elaboración do queixo, a visita a un museo relacionado con esta actividade e as degustacións en restaurantes.

Cantas queixerías pertencen á Denominación?

Están rexistradas 21, aínda que actualmente son 20, xa que unha delas está pechada temporalmente, pero ten previsto renovar a súa actividade. Os gandeiros que producen para este distintivo de calide son 1.252.

Pensa xa na Festa do Queixo do próximo ano?

Aínda é pronto para saber si se celebrará en marzo, como todos os anos, se a suspendemos ou se a faremos cun formato distinto. Temos que agardar para ver como segue a crise da covid. A feira deste ano, celebrada pouco antes do confinamento, foi un auténtico éxito.

"O aumento das vendas nas queixerías grandes compensou a caída na...
Comentarios