Pilar García Porto: "A reforma da casa da cultura é o noso grande obxectivo"

Cunha dilatada experiencia en diferentes áreas de responsabilidade dos sucesivos gobernos provinciais socialistas, Pilar García Porto fíxose este ano co bastón de mando do seu concello natal, Antas de Ulla, poñendo fin a décadas de dominio do PP. A súa intención pasa agora por aplicar esa experiencia na xestión pública para avanzar na transformación do seu pobo.

Pilar García Porto. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Pilar García Porto. VICTORIA RODRÍGUEZ

A pesar da súa mocidade, Pilar García Porto conta cunha dilatada carreira política. Despois de facerse coas rendas da agrupación local do PSOE de Antas de Ulla, onde esta formación estaba practicamente desaparecida, logrou entrar na corporación do seu municipio natal en 2007, exercendo desde entón unha dura oposición aos sucesivos gobernos populares de Javier Varela, a quen desbancou da alcaldía nos últimos comicios municipais. Para iso, fixo valer a súa experiencia na Deputación Provincial, onde durante estes últimos anos exerceu diversos cargos de responsabilidade nos distintos gobernos socialistas.

Apenas hai seis meses que chegou á alcaldía de Antas, substituíndo no cargo ao popular Javier Varela, que ostentaba o bastón de mando desde 1998. Como se atopou o Concello?
Desde o punto de vista económico sorprendeunos o caos co que traballaba o anterior equipo. Unha proba diso é esa denuncia que fixemos pública hai uns días sobre os 816.000 euros dunha subvención europea que debían ser destinados para a reforma da casa da cultura e que se foron a pagar facturas atrasadas. Máis aló das cuestións legais que poida haber por esta desviación dos cartos, temos que ver agora como reconducimos a situación.

E en canto aos servizos, como é a situación?
Atopámonos con moitos deles abandonados, polo que nos tivemos que marcar prioridades. Hai avarías en subministracións de auga que levan ata seis anos sen solucionar, polo que foi un dos apartados nos que primeiro empezamos a traballar. O mesmo ocorre coas estradas, facíanse arranxos a golpe de subvencións e de forma desordenada e nós queremos facer outra formulación, porque alí onde xa non hai aglomerado de nada serve volvelo asfaltar se, por exemplo, antes non se fai un rego para, cando se poida aglomerar, ese firme dure no tempo. Tamén imos recuperar instalacións públicas como as piscinas ou o polideportivo, que estaban en total abandono e, por suposto, atender outras necesidades básicas dos veciños. Outro obxectivo é colaborar con todas as comisións de festas, non só desde o punto de vista económico, senón tamén á hora de asesorarlles ou facilitarlles a realización de calquera tipo de trámite. Creo firmemente que a identidade dun pobo reflíctese nos seus festexos e, proba diso, é como este ano, sen case tempo desde que aterramos no goberno, logramos organizar as patronais nun tempo récord.

As contas para 2024 están xa moi enfocadas e esperamos aprobalas neste mesmo mes de novembro

Para atender esas necesidades será necesario aprobar o orzamento de 2024 canto antes.
Efectivamente. A parte económica témola xa moi enfocada e os orzamentos espero aprobalos xa neste mes de novembro. Será a primeira vez en que Antas contará cunhas contas aprobadas en prazo.

Xa pode avanzar cales serán as prioridades desas contas?
O primeiro, sen dúbida, será a prestación de servizos aos veciños, con investimentos tanto na rede de augas como en estradas. Como xa dixen antes, tamén recuperaremos as piscinas e o pavillón polideportivo, dous espazos para os que sempre defendemos a necesidade dunha xestión diferenciada. Pero, sen dúbida, o noso gran proxecto será a reforma integral da casa da cultura e, asociado a este proxecto, materializar a compra do antigo cuartel da Garda Civil. Claro que para levar a cabo todo isto será necesario solucionar ese problema cos fondos desviados. Aínda que é algo que non depende de nós, son positiva e penso que lograremos reconducir a situación.

Cales son os outros aspectos polos que debe pasar a transformación de Antas?
Creo que a transformación definitiva debe vir pola aprobación do plan básico de urbanismo. Contar con ese documento será moi importante para Antas, xa que, entre outras cousas, permitiranos desenvolver o parque empresarial.

O Parque Central de Galicia é fundamental para Antas. Superados os atrancos iniciais que puxo a Xunta queremos impulsalo xa de forma definitiva

Como van as obras da residencia de maiores que está a realizar a Xunta?
Segundo sabemos, os traballos están a avanzar con normalidade. A residencia é un proxecto moi importante para Antas, pero hai cuestións que aínda temos que ver coa Xunta.

E o novo centro de saúde?
O actual centro de saúde estaba en moi malas condicións, con pingueiras mesmo nas consultas. Nós solucionamos ese problema que había na cuberta, pero é certo que estamos á espera de coñecer detalles sobre o proxecto para construír o novo centro. Lamentablemente, desde que son alcaldesa a Xunta non me enviou ningún tipo de información sobre este asunto.

Como lle gustaría ver a Antas ao finalizar este mandato?
Gustaríame que ao acabar este mandato todas as aldeas do municipio tivesen uns accesos en condicións dignas. Tamén me gustaría ter totalmente regularizado o servizo de augas, co fin de que todos os veciños poidan gozar dun abastecemento de calidade e con garantías. Tamén quero ter xa finalizada a casa da cultura e recuperar as piscinas. A partir de aí, que se materialice tamén o proxecto do Parque Central de Galicia, que unha vez superados os atrancos que puxo a Xunta queremos xa impulsar de forma definitiva.

Quédame pouco tempo libre, pero gústame ter esta grande intensidade de traballo

Entre as súas responsabilidades na Deputación e agora tamén as de alcaldesa, quédalle tempo libre?
A verdade, sempre fun moi activa xa desde moza. Agora a intensidade de traballo é grande, pero dáme tempo a compatibilizar todo, aínda que é certo que os problemas dos veciños sempre son algo que che tocan moi de preto e fan involucrarte máis. Certamente o tempo libre é pouco, pero gústame este ritmo de traballo.

A que dedica ese tempo?
Sobre todo á miña familia, porque neste momento teño persoas maiores que necesitan máis de min. Pero non teño a sensación de renunciar a nada. Mesmo desde que son alcaldesa estou máis tempo en Antas e iso fai que estea máis en contacto coa familia e amigos.

Que outras afeccións ten?
Gustaríame viaxar máis, pero nestes momentos nin o traballo nin as responsabilidades familiares mo permiten. Tamén me gustaría recuperar a práctica do deporte. Pero xa digo que non sinto que estea a renunciar a nada.

Nesa afección por viaxar, ten algún destino pendente?
Máis ben teño un que me gustaría repetir, que é a Grecia. Tiven oportunidade de coñecela cando era moi nova e gustaríame volver. Tamén me gusta descubrir eses lugares que temos moito máis preto pero que ás veces descoñecemos.

Comentarios