Pescadores de Melide recollen preto de 300 quilos de lixo no río Furelos

A cantidade de residuos é superior á de anos anteriores ► Denuncian a falta de compromiso das institucións
Voluntarios na acción sobre o río Furelos, entre Melide e Toques. EP
photo_camera Voluntarios na acción sobre o río Furelos, entre Melide e Toques. EP

O río Furelos, que flúe polos concellos de Toques, Melide e Santiso, continúa padecendo un grave problema coa acumulación de lixo na súa contorna. A pasada fin de semana, un grupo de voluntarios formado por máis de 20 veciños recolleu unha cantidade aproximada de 300 quilogramos de residuos.

A Asociación de Troiterios Río Furelos é a impulsora desta iniciativa que se celebra cada verán dende o ano 2005 coa participación de veciños e visitantes, que prestan a súa axuda na protección e coidado do río e a súa biodiversidade.

O seu presidente, Xavier Pazo, indica que nos primeiros anos "era unha barbaridade", posto que chegaron a retirar, segundo apunta, preto das dúas toneladas e media de residuos.

Na primeira das tres xornadas que organizan este ano, o colectivo notou un incremento de lixo con respecto a anteriores tempadas. "O total dos últimos anos situábase entre os 300 e os 500 quilogramos, que xa é moitísimo, e neste, nun só día, xa levamos uns 300", sinala Xavier Pazo.

No tramo que vai dende a denominada Ponte de Pedra á Ponte de Fraga, entre os concellos de Melide e Toques, atoparon un sinfín de obxectos, "cousas que realmente sorprenden, e que se escapan de calquera norma de convivencia".

Ademais de residuos comúns como bolsas de plástico, latas de refrescos, roupa, calzados ou plásticos de silos, as persoas que participaron nesta acción denuncian a existencia de redes para a pesca furtiva, tomas de auga ilegais ou mesmo vertidos que proceden de núcleos próximos.

As xornadas de limpeza continuarán os sábados 3 e 10 de setembro en treitos dos ríos Martagona e Furelos, próximos á vila melidá

Sobre isto último, Xavier Pazo explica que "é resultado da falta de mantemento da rede de saneamento", unha responsabilidade que recae nos concellos. "A sensación é que falta compromiso por parte das institucións", sinala.

Mesmo en lugares máis concorridos, como nas inmediacións da praia fluvial de Furelos, onde hai habilitadas papeleiras para a reciclaxe, a xente non amosa ningún reparo en desbotar o lixo. "É un atentado contra a natureza", sentencia Pazo, quen asegura que xa deron conta á Consellería de Medio Ambiente da situación.

As accións de limpeza continuarán os sábados 3 e 10 de setembro no río Martagona e no resto do treito do río Furelos que discorre entre a Ponte Romana e a Ponte de Pedra. "Hai batallas que parecen perdidas, pero nós somos teimudos e seguiremos loitando pola preservación do río, un deber que é de todos", defende.

Comentarios