Palas de Rei homenaxea a San Tirso os días 27 e 28 con foliada e cantos de taberna

O domingo, día 28, haberá unha misa amenizada pola coral da localidade
Un grupo toca nuns cantos de taberna. AEP
photo_camera Un grupo toca nuns cantos de taberna. AEP

Palas de Rei celebra o día do seu patrón, San Tirso, durante a vindeira fin de semana con diversos actos organizados desde o colectivo Casa das Augas, en colaboración co Concello palense e varios negocios da contorna.

Deste xeito, o próximo sábado, día 27, haberá a partir das 15.00 horas un xantar comunal en Casa Curro, ao que seguirá pola tarde a primeira edición dos cantos de taberna. O encontro está fixado para as 18.30 horas desde a Praza do Concello.

Logo dará inicio o roteiro polos establecementos hosteleiros da localidade, un percorrido marcado pola música que interpretarán os grupos Fonte de Merlán, Palacio do Rei, Fiadeira, Falcatrueiros ou Os da Taberna, entre outras agrupacións.

Para rematar a xornada, a partir das 22.30 horas, na Casa do Outeiro, no Campo da Feira, celebrarase unha gran foliada na que se ofrecerán petiscos para todos os músicos participantes.

Ao día seguinte, ás 13.00 horas, será a misa solemne polo patrón amenizada pola Coral de Palas.

Comentarios