Palas de Rei atrae empresas en base á calidade e con proxectos ilusionantes

A instalación de Altri agarda os fondos europeos e Bioflytech xa comezou a súa instalación. O Concello mantén un firme apoio ao turismo da man do Camiño

Pablo Taboada, alcalde de Palas de Rei. ARCHIVO
photo_camera Pablo Taboada, alcalde de Palas de Rei.

O CONCELLO de Palas de Rei desenvolveu importantes actuacións de mellora nestes catro anos de mandato, entre as que destacan as xetións efectuadas para que a multinacional portuguesa Altri escollese este municipio da Ulloa. Conseguilo "marcou un antes e un despois", explica o rexedor palense. "Viñamos dun momento moi difícil polo covid e pelexamos por ofrecer uns terreos en condicións e unha ubicación axeitada. Ao final, e dentro das máis de 47 posibilidades que había foi Palas de Rei o lugar que escolleu a empresa Altri para ubicarse", engadiu. "Agora estamos á espera de que cheguen os fondos europeos para acometer o investimento e a decisión final de forma definitiva".

Pablo Taboada concorrerá en maio por quinta vez ás eleccións municipais "cun proxecto ilusionante «para nos vindeiros catro anos seguir contribuíndo ao desenvolvemento da nosa vila", e destaca como outro dos fitos destes catro anos de mandato a consecución en setembro de 2022 dunha estación fixa da ITV para o polígono de Palas de Rei, que prestará servizo tamén aos concellos da contorna, cun investimento de dous millóns de euros e a xeración de empregos directos cando estea operativa en 2024. "Estivemos varios anos detrás deste proxecto e a previsión é que as obras comecen neste 2023".

Outro dos logros foi a creación de solo industrial fóra do parque empresarial segundo as necesidades de Bioflytech, que creará unha planta de colleita e cría de larva de mosca para convertela en fariña e graxa dirixida á alimentación animal. "O emprazamento será nun terreo de monte veciñan en Berbetouros, habilitándose umha parcela de case 150.000 metros cadrados onde xa comezaron os traballos para a súa instalación. O investimento superará os 20 millóns de euros e xeraranse uns 50 postos de traballo directos e 75 indirectos". Na decisión da empresa de instalarse no municipio, segundo indicou Taboada, influíu que Palas de Rei fose recoñecido como Concello Emprendedor.

Reforzo dos servizos sociais

O alcalde incidiu tamén no reforzo dos servizos sociais como un dos principais logros deste mandato. En Palas xa tiñamos un centro de día e xurdiu a posibilidade a través da iniciativa privada de acometer unha residencia da terceira idade —cunha aposta inversora de 1,2 millóns de euros— para prestar "unha atención de calidade aos nosos maiores". Esta infraestrutura ten 50 prazas das que 20 son de carácter público, subvencionadas pola Xunta de Galicia. Polo de agora é a única da comarca tras a súa inauguración no 2020, "co que nos permite achegar un servizo universal para todas as persoas, ademais de xerar emprego. Proba da boa acollida é que está completa e funciona a bo rendemento".

Así mesmo, en materia sanitaria, o goberno local acadou que a sede das emerxencias sanitarias, a través do servizo 061, estea ubicada no centro de saúde de Palas de Rei (PAC da Ulloa), con atención 24 horas para a comarca.

"Tamén se creou un servizo de atención a domicilio que no rural é moi necesario, porque moitas veces evita desprazamentos innecesarios ao Hula e achega a sanidade ás persoas do rural, que tamén precisan uns servizos e uns coidados que cando se lles poden proporcionar nos seus fogares evitan moitas incomodidades e permiten manter unha convivencia no ámbito familiar", engadiu.

O alcalde destacou que á hora de crear servizos é importante "que sexan de calidade", e de aí que nestes últimos catro anos tamén se buscase favorecer a conciliación laboral e a creación de emprego en diferentes sectores.

No eido da conciliación, e coa gardaría tamén a pleno funcionamento, destaca tamén a posta en marcha dun servizo de madrugadores. "Comezou hai xa tres anos e está a ser un éxito, con profesionais especializados, así como no servizo de ludoteca polas tardes, para os máis pequenos e de 16.00 a 20.00 horas, ofrecéndolles todos os servizos nunha instalación recentemente creada que conta cunha biblioteca na planta baixa inaugurada esta semana".

A restauración integral do pavillón municipal, a renovación da pista polideportiva, ou no novo alumeado no campo de fútbol de herba sintética dos Chacotes súmanse coa nova pista multideportiva anexa ás instalacións do Ceip de Palas e os tres parques biosaudables do polígono empresarial e a Praza da Ulloa á mellora e creación de infraestruturas desenvolta polo goberno local.

Pablo Taboada destaca tamén a consecución da nova oficina de Correos, no edificio da antiga Cámara Agraria que cedeu o Concello e "dá resposta a unha demanda veciñal xeralizada". Ao estar completamente dixitalizada supón un incremento dos servizos á veciñanza, "pois Palas de Rei por entidade poboacional necesitábaa, se ben agora é preciso ampliar o horario de atención ao público, porque o ideal é que estea aberta toda a mañá para atender a veciños e os peregrinos". O alcalde incidiu tamén na necesidade de levar a fibra óptica "aos 300 núcleos existentes no municipio como un reto persoal —está cuberto o 67% do concello e prevese chegar ao 96% a final de ano—, para así continuar crecendo en población".

O sector turístico de Palas de Rei tamén recuperou o pulso "dun xeito sobresaínte", rexistrando os aloxamentos palenses, no ano 2022, cifras récord, tanto de visitantes como de pernoctacións, que situaron a Palas de Rei como o terceiro punto turístico de toda España con maior porcentaxe de ocupación. Neste sentido, o Camiño de Santiago continúa a ser un eixo de transformación e do cambio, e de aí o compromiso do goberno local tanto co sector turístico como co da hostalería e os sectores primario e da industrialización.

Neste sentido, Taboada destacou o irmanamento cun camiño de peregrinación de Xapón e a promoción da ruta xacobea en Estados Unidos "porque o Camiño gusta e atrae e queremos manter un turismo de calidade", subliñou.