lunes. 19.04.2021 |
El tiempo
lunes. 19.04.2021
El tiempo

Palas despide a Manuel Faílde, o cura que, literalmente, erixiu a súa igrexa

Acto de homenaxe a Manuel Faílde como Fillo Adoptivo de Palas. EP
Acto de homenaxe a Manuel Faílde como Fillo Adoptivo de Palas. EP
O párroco chegou á vila en 1950 e recadou cartos para levantar o templo no que oficiou durante máis de 60 anos

Manuel Faílde Cortizo (Prado, Lalín), ou don Manuel, coma o coñecían os seus fregueses, foise coa primavera. Quen foi cura de Palas de Rei, Villareda e Marzá durante máis de 60 anos morreu o luns con 94 anos de idade. "Hai pouco tempo díxome que el querería morrer de pé, coma as árbores", conta quen foi seu amigo íntimo, o cura natural de Palas Alfonso Fraga. "Tamén dicía que, para el, Palas era todo, que quería volver a Palas", di Fraga, en referencia aos seus últimos tempos no Seminario de Lugo por causa da enfermidade.

Quixo morrer de pé quen, en realidade, puxo en pé a súa igrexa. Cando Manuel Faílde chegou a Palas de Rei, no ano 1950, só a fachada do templo sobrevivira a un incendio. A súa primeira homilía oficiouna nun garaxe da vila, e xa nela falou da importancia de reconstruír os seus muros. Para iso, pediu porta por porta os cartos necesarios. O Concello, daquela, dera 5.000 pesetas; a asociación de Hijos de Palas en Cuba, 10.000, e en Madrid conseguira outras 90.000.

Di o exalcalde Fernando Pensado que "don Manuel traballou tanto no ceo coma na terra", en referencia ás súas aportacións tamén materiais. O cura de Palas foi impulsor da reitoral, artífice das varias ampliacións do cemiterio e mesmo se lle debe o altar maior e as vidreiras da igrexa. El mesmo comprou coa herdanza dos seus pais unha finca lindeira ao adro. "Un día chegou ao Concello e dixo que adquirira ese lugar para que ninguén puidese construír nel, e que o cedía ao Concello como aportación", conta Pensado. Nese sitio é onde o Concello situou o seu nome grabvado en pedra cando en 2015 recoñeceuno como Fillo Adoptivo de Palas.

INFLUENCIA. Na casa de Manuel Faílde tiña parada todo o que pasaba polo Camiño de Santiago, do que foi un grande impulsor. Non era estraño atopar nela personalidades da máis distinta índole. "Lembro ter chegado alí e encontrar ao cardeal Quiroga Palacios, ou ao arcebispo de Burgos", recorda Pensado. "El sempre utilizaba a súa influencia ao servizo de Palas", engade. "Non permitía que te durmises. Cando José Blanco ocupou o cargo de ministro de Fomento, el xa estaba dicindo que había que concertar unha entrevista con el", recorda. "Todos notamos hoxe que algo nos falta", engade o exalcalde.

De Manuel Faílde recordan a súa conversa, a súa sabedoría, a súa capacidade de escoita. "Ás veces preguntábaslle algo e no momento non dicía nada, pero ao día seguinte víñache con dúas páxinas escritas como resposta", di Pensado. Do municipio gardou un grande arquivo fotográfico, co que en gran parte se fixo hai anos a exposición "Palas de antes".

Para Alfonso Fraga foi un "exemplo de afabilidade, amabilidade, entrega, xenerosidade". Era un home "infatigable", e tamén "moi presumido", di con cariño. "Traballou moito por Palas, para el era todo", asegura, e por iso deixou disposto o seu enterro no municipio, que será hoxe despois da misa ás 12.00 horas da mañá na igrexa de San Tirso, que el mesmo axudou a erixir.

Palas despide a Manuel Faílde, o cura que, literalmente, erixiu a...
Comentarios