Palas acollerá a Mostra de Teatro Amador a partir do día 31 deste mes de agosto

Nesta vixésima segunda edición, que remata o 12 de setembro, participarán dez grupos de Galicia e un de Pozuelo de Alarcón
undefined
photo_camera Participantes na presentación da Mostra, onte en Palas de Rei. EP

Palas de Rei acollerá, a partir do 31 de agosto, a vixésima segunda edición da Mostra de Teatro Amador, na que participarán dez grupos galegos e un procedente de Pozuelo de Alarcón.

Este venres  pola mañá levouse a cabo a presentación do evento no salón de plenos de Palas de Rei, á que acudiu o alcalde Pablo Taboada, xunto co director de Metátese Teatro, Alfonso García Penas e Xosé Manuel Pérez, presidente da Orde das Donas e Cabaleiros de Vilar de Donas.

Está previsto que todas as funcións que compoñen o programa se presenten ás 21.00 horas na casa da cultura do concello, a excepción da actuación do venres 3, que se realizará no Parladoiro de Arqueixal de Santiago de Albá, así como a do sábado 4, no que se levará a cabo un roteiro teatralizado por algúns carreiros e soutos nos arredores da mesma aldea.

A primeira actuación estará protagonizada polo Obradoiro Municipal de Palas de Rei, coa obra 'Contos, lendas e outras historias'. Ao día seguinte, o grupo Caxoto representará "Que morro!!!", subvencionada por Agadic a través do programa Cultura no Camiño.

O 2 de setembro a Aula de Teatro do IES A Pinguela 2021 presentará 'Parodia dunha tarde de picnic' e, na xornada posterior, Comando Curuxás levará á casa da cultura a súa obra 'Curuxás'. O sábado 4 de setembro será a compañía Son d"Aldea a que represente 'Sabederes de Aldea'.

A Mostra de Teatro Amador leva recibido compañías procedentes de países como México, Portugal, Cuba, Rusia ou Francia 

Os días 7 e 8, a Escola de Teatro de Taboadela e Mere Clown representarán 'Os marcos da vida' e 'Mere-cidamente', respectivamente. O xoves 9 e o venres 10 actuarán o grupo de teatro Faro Miño, de Chantada, e o grupo Ateneo, de Pozuelo de Alarcón. Finalmente, o sábado representarase 'A Merliña', a cargo de Metátese Teatro, mentres que o domingo 12 Alentía Teatro representará 'Cos dentes...movendo nos marcos'.

A maiores das funcións, o 4 de setembro tamén está programada a entrega do premio Careón ao escritor Toño Núñez pola súa labor como dinamizador da cultura, así como o premio Mácara a Chelo do Rejo pola súa traxectoria profesional como actriz. Pola súa parte, concederase o premio Garabato á conservación do patrimonio en homenaxe a Gabriel Barreiro Toural, dotado con 1.000 euros.

As persoas interesadas en asistir como público deben inscribirse a través do teléfono 647.56.51.82, ou ben no correo electrónico [email protected]. Nos últimos anos, este encontro cultural logrou consolidarse como un dos referentes do teatro galego e nacional.

Por el teñen pasado xa máis de 250 compañías de teatro aficioado galegas, así como outras procedentes de países do estranxeiro como Cuba, Rusia, México, Portugal ou Francia.

Comentarios