viernes. 07.08.2020 |
El tiempo
viernes. 07.08.2020
El tiempo

ROCÍO SEIJAS

"Pactamos co Partido Popular por confianza e porque temos proxectos comúns"

Rocío Seijas, alcaldesa de Monterroso. SEBAS SENANDE
Rocío Seijas, alcaldesa de Monterroso. SEBAS SENANDE
A nova alcaldesa de Monterroso quere liderar un "goberno estable" co obxectivo de atraer investimentos despois dun tempo de parálise"

Rocío Seijas, unha xove xurista especializada en Recursos Humanos e Administración, viviu o seu primeiro día como alcaldesa de Monterroso "con responsabilidade e atendendo os asuntos máis urxentes". Seijas, que tomou o bastón de mando á fronte dunha coalición entre Independentes por Monterroso e o PP, constatou que a agardan uns meses «de traballo moi intensos» para actualizar unha xestión municipal bloqueada nos últimos tempos por mor das tormentas políticas locais e da crise sanitaria.

Como foi a súa inmersión no mundo da política?

Sucedeu case por casualidade, sen pensalo moito. Levaba varios anos observando certa parálise no desenvolvemento de Monterroso, o que sempre causa certa preocupación. Así comecei a interesarme pola actividade municipal e plantexeime achegar o meu gran de area coa ilusión de aportar ideas e solucións. Esa inquedanza levoume a incorporarme á candidatura independente que se presentou nos últimos comicios.

No discurso de investidura pediu desculpas aos veciños polo turbulento primeiro ano de mandato. Tan dura foi a aprendizaxe?

Si, tanto no ámbito político como no persoal. Sufrimos ataques e difamacións trala nosa ruptura co exalcalde Antonio Gato, cando a nosa única ambición era manter a coherencia cos nosos compromisos electorais e traballar en favor dos veciños para mellorar as súas condicións de vida. Esa tensión que se vivía no Concello trasládase en parte ao teu día a día, afecta á vida social. Por eso foi tan importante o apoio das nosas familias e amigos, pois os seus ánimos déronnos a fortaleza necesaria para seguir adiante.

Na sesión de investidura houbo un ambiente de cordialidade. Cre que se manterá?

Na política, como noutras facetas da vida, debes predicar co exemplo, e a crispación e a intolerancia son malas para todos. O meu compromiso é manter un ambiente de diálogo e de respecto cara aos distintos grupos municipais, dentro da lexítima defensa dos posicionamentos de cadaquen.

Que levou aos concelleiros de IxM a inclinarse polo PP e non polo PSOE nas negociacións?

Os tres concelleiros de IxM sempre defendemos unha postura de independencia en relación co PP e co PSOE. Decidimos pactar co Partido Popular pola confianza que nos inspiraron. Tamén pesou o feito de compartir con eles labores de oposición municipal e, sobre todo, porque coindicimos nunha serie de proxectos necesarios para que Monterroso avance. Tanto IxM como PP apostamos pola estabilidade para reactivar a xestión municipal e mellorar a calidade de vida dos veciños. A nosa postura nas negociacións foi sempre clara e transparente cos nosos interlocutores e tamén entre os tres edís de IxM, que asistimos xuntos a todas as reunións e decidimos de forma colexiada.

Que obxectivos se marca nesta primeira etapa de goberno?

Atraer investimentos para Monterroso é un dos acordos primordiais que sustenta o pacto. É necesaria a creación de infraestruturas e servizos que contribúan á dinamización económica. A estabilidade política será un factor que favorecerá o asentamento de empresas no polígono industrial. Tamén debemos xestionar fondos diante das distintas administracións para mellorar a rede viaria. Moitas estradas rurais do municipio necesitan melloras. Tanto os Independentes como o PP temos un especial interese en potenciar a área recreativa da Peneda. Este ano será difícil acometer obras, por mor da crise do Covid-19, pero queremos adecuar as instalacións para que continúen sendo un orgullo para os monterrosinos.

Que lle diría a algúns compañeiros de candidatura de IxM que están en contra do pacto co PP, como o novo edil José Luís Fraga Torres, que substituíu a Gato.

Creo sinceramente que se equivoca. A lealdade debéselle a un grupo e a un pobo, non a unha persoa determinada que intenta facer política de acordo cos seus intereses particulares. A quen non estea de acordo connosco invítoo a darnos un voto de confianza e a valorar o traballo que realicemos.

Cales foron as razóns da abrupta ruptura de IxM?

É algo do que non me gusta falar, xa que Gato renunciou e non é momento de remover o pasado e afondar en polémicas. O anterior alcalde non só actuou ás nosas costas senón que se fixo coa alcaldía a través de Independentes por Monterroso para utilizala como un instrumento no seu interese persoal para volver ao PSOE. Os outros tres concelleiros non viamos ben nin as súas manobras, nin as súas actitudes.

Aposta pola continuidade de Independentes por Monterroso no futuro ou ve factible unha futura integración no Partido Popular?

O meu compromiso, como o dos meus compañeiros de candidatura, é defender o programa de Independentes por Monterroso durante estes tres anos. Despois, xa veremos o que nos depara o futuro. A vixencia dunha agrupación electoral dura todo o mandato e a nosa idea é seguir traballando con estas siglas co obxectivo de defender os intereses do noso municipio. Cando chegue o día teremos que decidir se nos retiramos ou continuamos, dependendo das circunstancias.

"Pactamos co Partido Popular por confianza e porque temos...
Comentarios