Viernes. 26.04.2019 |
El tiempo
Viernes. 26.04.2019
El tiempo

ALCALDE DE PALAS DE REI

Pablo José Taboada: "Temos que valorar se compensa seguir na vida pública"

Pablo José Taboada. XESÚS PONTE
Pablo José Taboada. XESÚS PONTE

Trala anulación da condena que o inhabilitaba polo caso da secretaria, o alcalde de Palas de Rei pode respirar agora máis tranquilo

PABLO TABOADA viviu este último ano e medio do seu segundo mandato á fronte do goberno de Palas de Rei coa incerteza de non saber cal sería o seu futuro procesal. Con todo, a recente sentenza do Tribunal Supremo, anulando a condena de inhabilitación e prisión que lle impuxo a Audiencia Provincial en xuño de 2017 a el, a outros cinco concelleiros e a tres funcionarios por prevaricación e acoso laboral contra a secretaria do Concello, permítelle agora respirar máis tranquilo.

A pena de nove anos de inhabilitación e 15 meses de prisión aos que lle condenou a Audiencia Provincial parecía ser o fin da súa carreira política. Está sorprendido pola decisión do Supremo de anulala?
A min non me sorprendeu porque eu sempre defendín a nosa inocencia. Nunca fixemos nada ilegal e o que de verdade me preocupa é que tivésemos que chegar ata aquí para demostralo. Este conflito alongouse durante case oito anos e neste tempo tivemos que soportar un importante dano político, pero sobre todo un gran dano moral. Foron anos moi difíciles.

O conflito coa secretaria foi unha das herdanzas que recibiu do anterior goberno de Fernando Pensado, tamén condenado e agora absolto. Pensa que se puido ter xestionado esta crise doutro xeito?
O conflito coa secretaria arrástrase desde pouco antes das eleccións de 2011 e naceu co claro obxectivo de prexudicarme politicamente. En calquera caso, ao longo de todos estes anos, nos sempre actuamos mantendo unha liña coherente que foi a que marcou cada unha das nosas decisións. Proba diso é que mantivemos a nosa inocencia ata o final. Se non fóra así, que pasaría se chegamos a facer caso aos que pedían a nosa dimisión cando nos condenaron?

Con todo, agora non quere desvelar o seu futuro. Presentarase á reelección?
Non tomarei esa decisión ata dentro dunhas semanas e despois de falar coa miña familia e persoas máis próximas, que son quenes tamén sufriron moi directamente as consecuencias de todo este proceso. Tanto os meus compañeiros coma eu, teremos que valorar se compensa seguir na vida pública despois de todo o vivido.

Como valora o seu paso polo Concello?
Se ao final decidimos marchar, farémolo coa cabeza moi alta, porque aquí non houbo ningún xuízo por malversación ou corrupción, senón un conflito cunha persoa que tamén tivo problemas noutros lugares. Ademais, estamos moi satisfeitos dos logros conseguidos. Cando chegamos ao goberno, Palas era un dos municipios cun menor produto interior bruto (PIB) per cápita da provincia e, na actualidade, é o noveno que xera unha maior riqueza.

Cre que todo este proceso xudicial embaza a súa xestión neste último mandato?
Este proceso non influíu na nosa forma de gobernar. É máis, a estas alturas de mandato estou moi orgulloso de poder dicir que xa cumprimos o 90% do programa electoral. A apertura do castelo de Pambre, que o pasado ano recibiu máis de 13.000 visitas, foi sen dúbida o proxecto máis vistoso e con maior proxección fóra de Palas, pero non o único.

Cales son os demais?
Conseguimos acabar a obra da residencia de maiores, licitouse o seu equipamento e agora esperamos que outras institucións como Xunta e Deputación poñan o seu gran de area para poder poñela en marcha. No ámbito dos servizos, tamén finalizamos a renovación do centro de saúde e realizamos numerosas actuacións tanto na contorna do Camiño como no centro urbano. Estamos avanzando na posta en valor de Vilar de Donas e demos os primeiros pasos para a creación do museo do queixo.

E se houbese un terceiro mandato?
O desenvolvemento da terceira fase do polígono empresarial será unha nova fonte de emprego para o municipio, como tamén o será a área de servizo da A-54. En colaboración con Jim Sport, tamén está previsto que en febreiro poida abrir un moderno ximnasio de máis de 600 metros cadrados, con prezos simbólicos para os veciños. Tamén está entre os nosos proxectos dotar de redes de saneamento e abastecemento a todos os núcleos de máis de 50 habitantes

"Non teño problema en volver á miña praza de policía local"
Ademais de non saberse se se presentará á reelección, hai dúbidas se o fará na lista do PP.
No último que penso nestes momentos é en todo iso. Ata dentro dunhas semanas non tomarei ningunha decisión. Do PP deime de baixa voluntaria para afrontar o xuízo da Audiencia e nunca tiven ningún conflito co partido.

Que fará se deixa a política?
Eu son funcionario do Concello, non teño ningún problema se teño que volver á miña praza de policía local.

Despois do vivido, cre que compensa ser alcalde?
Hai que quedarse co bo. É certo, que o que pasou e o que sufrimos non llo desexo nin ao meu peor inimigo. Pero o servizo público é unha vocación e ter a sensación de que co teu traballo estás a contribuír ao ben común dos teus veciños é algo moi satisfactorio.

Pero todos os seus colegas quéixanse de que a alcaldía non deixa tempo libre.
É certo, un é alcalde as 24 horas e sempre ten que estar pendente e dispoñible para os veciños.

E cando ten un momento para vostede, a que dedica ese tempo?
Sempre me gustou o deporte e agora estou tentado volver recuperar a súa práctica. Camiñar ou facer sendeirismo por paisaxes coma a das Torrentes do Mácara son dúas das cousas que máis me gustan, pero tamén ver un bo partido de baloncesto por televisión, a lectura e viaxar en familia. Todo o tempo que podo intento gozalo en compañía da miña muller e os meus fillos, unha nena de 4 anos e un neno de 19 meses.
 

Pablo José Taboada: "Temos que valorar se compensa seguir na vida...
Comentarios