A orquestra Olympus e Herba Grileira abren as festas do San Roque de Melide

M Clan ou París de Noia son outras das propostas do cartaz festivo para os vindeiros días
Cantante de la Olympus. ARCHIVO
photo_camera Cantante de la Olympus. ARCHIVO

As festas do San Roque volven con forza este martes a Melide logo das restricións dos últimos anos. A música da zona terá unha importancia grande nesta primeira xornada. Por unha banda, Herba Grileira será a encargada de abrir os festexos. A escola melidá de música e baile tradicional fará unha demostración do folclore da comarca, en cuxa recuperación e difusión traballan ao longo de todo o ano. Por outro lado, pola tarde tamén haberá un concerto da Coral Polifónica de Melide. Os máis pequenos poderán desfrutar nesta xornada da actuación infantil A Casa do Terror. Pola noite, a orquestra Olympus será a encargada de amenizar a verbena.

DÍAS SEGUINTES. As propostas musicais da comarca continuarán o mércores, ás 13.00 horas, coa Banda de Antas de Ulla con Antonio Barrios. Despois da actuación infantil Ikigai, a verbena seguirá nesta xornada da man dos Festicultores Troupe Band e La Misión.

Os asistentes poderán desfrutar o xoves das actuacións de A Maristela e Banda da Merza. A proposta infantil virá da man de Patri Zenner, co espectáculo Galicia ilusiona. Pola noite, as orquestras Los Satélites e Los Players serán as encargadas de animar a verbena.

Na xornada do venres terá lugar a actuación infantil Carman. Posteriormente, tocarán Leirabuxo, Cuarta Xusta e a orquestra Marbella.

Dende o Concello destacaron que quixeron facer un programa no que a música tradicional tivese destacada importancia

O sábado e o domingo concentrarán dúas das actuacións máis potentes destas festas. O sábado, despois das propostas musicais de Froito Novo, da charanga Eravisto e da orquestra New York, os veciños e visitantes da vila poderán vibrar cos ritmos de M Clan.

O domingo pecharán o cartaz a Banda de Música de Visantoña e a afamada orquestra París de Noia. Ao día seguinte, o luns 22, celebrarase o Día do Neno.

Dende o Concello destacaron que quixeron facer un programa no que a música tradicional tivese destacada importancia, así como tamén a das bandas de música da comarca, a carón doutras propostas como o rock and roll recoñecido internacionalmente de M Clan ou a música das orquestras.

Comentarios