Ollo, en Melide choven croios e pedras

Amenización musical no campionato. ANA SOMOZA

A vila celebrou o Campionato de Tirapedras, cos tiradores máis vellos e os habituais, que chegaban empatados

D"icimos de estar ás 11.30 horas para que a xente chegue ás 12.00, xa se sabe como somos", bromeababa Paco Veiga da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional ante sobre os asistentes que se encontraban na praza central da vila. No lugar congregáronse maiores e nenos, ademais dunha chea de retornados do País Vasco que desafiaban aos locais cos seus tirapedras.

"A mí, si me dejan practicar, a alguno atino", escoitábase de vez en cando en boca dos bravos. As terrazas dos bares cercanos formaban unha especie de palco, ademáis dos bancos e cadeiras acomodados para o espectáculo. A primeira rolda correu a cargo dos máis pequenos e pequenas quenes, cun chisco de forza, teñen que atinar tirando canicas -o proxectil oficial da competición- nunhas pracas para gañar puntos.

"Esto non é un deporte pero axuda ao plan de recuperar as prazas e os espazos nas vilas. Melide ten varias áreas como este tipo que, en outros tempos, eran zonas para xogar. Aquí vén tanto xente profesional como non", comentaba Paco Veiga sobre este tipo de iniciativas para que a vida volva as vilas.

Entre os asistentes atopábase Guillermo Lareu, o primeiro gañador da historia do campionato doce anos atrás, a quen todos lle teñen grande respecto. "Fai uns anos que vén un vasco, é moi bo. Ese pódeme suceder", contestou con dúbidas ao lle preguntar sobre un xusto herdeiro.

O ambiente cambiou cando a quenda dos nenos rematou, a inocencia daba paso a unha rivalidade sana. "Hai pique, pero, como sempre digo, nós vimos participar e, se a goma rompe, pois arréglase", sentenciou Paco Montanes. Esta persoa é "o vasco" ao que se refiren, aínda que na zona hai varios e todos moi hábiles. "Fun gañador no 2012 e nos últimos dous anos tamén, nacín no País Vasco pero xa iba na tripa de miña nai cando iba para aló. O meu tirapedras, o meu instrumento, é feito a man".

Neste grupo de clásicos, como nos mellores, tamén houbo baixas. Tantas competicións fixeron saltar chispas entre os rivais. Pola contra, os eternos empatados, Montanes e Leoncio Loureiro, asistiron como compañeiros. Entre bromas, o ambiente poñíase a punto para o desempate, ambos contan con tres victorias.

"Eu fun gañador tres anos co meu tirapedras, feito de carballo, caseiro. Os que estamos aquí aprendimos tirándolle aos paxaros e, ás veces, terminaban nalgunha ventá", bromeaba Leoncio antes de que comezase a competición. "O venres estiven de verbena ata tarde e por eso veño un pouco despitado. Xa tomei un chupito para afinar a vista. Unha cousa que che podo dicir e que, con seguridade, a victoria está entre un dos dous",

A competición anotou varios ceros nas puntuacións e, de vez en cando, as pracas de tres tantos bailaban. Logo dunha gran exhibición de puntería o primeiro foi Paco Montanes, o herdeiro vasco e campión absoluto.