miércoles. 29.01.2020 |
El tiempo
miércoles. 29.01.2020
El tiempo

Nomes con moita historia

Os Ánxeles. VICTORIA RODRÍGUEZ
Os Ánxeles. VICTORIA RODRÍGUEZ

Palas de Rei e Melide contan cunha ampla variedade de topónimos. Algúns, como Os Ánxeles, cun curioso percorrido detrás

LEONARDO DANTÉS non é galego. De selo, sabería que ao seu éxito Tiene nombres mil fáltanlle, polo menos, outros tantos. Porque en Galicia o de poñerlle nomes a todo vainos no sangue, por iso cada recuncho da xeografía galega está clasificado e moitos dos nosos lugares teñen denominacións que se remontan máis de dous milenios atrás. As terras da Ulloa e Melide non son alleas a este fenómeno, e un claro exemplo pode verse en dous municipios colindantes como son Palas de Rei e Melide.

Melide conta con 201 aldeas nas súas 26 parroquias, mentres que en Palas, as cifras son de 362 lugares e 43 parroquias. A microtoponimia recollida ata o momento fala de 4.180 na localidade coruñesa e 5.474 na lucense. Milleiros de apelativos que esconden, cada un deles, a súa propia historia.

"Hai topónimos latinos, prerromanos, xermánicos... Os nomes poden facer referencia ao que hai nun lugar, como un río ou un outeiro, ou tamén os sitios recibían o nome da primeira persoa que tiña unha casa nesa aldea, normalmente un señor", conta o filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.

A historia e a propia evolución dos topónimos dan lugar a nomes curiosos e á creación de lendas populares en torno aos mesmos. "A aldea de Trasmundi, en Melide, a xente pensa que vén a dicir algo así como detrás do mundo, porén, non ten nada que ver. O nome vén dun antropónimo, dun señor que se chamaba Trasamundus que foi o fundador da aldea", explica Feijoo.

A xente tamén recorre ao "humor elaborado" cando os nomes permiten xogar con eles. "Á xente faille gracia Folladela porque pensa noutras cousas", reconoce el filólogo.

A toponimia reflicte moitas veces unha característica destacada do lugar -Leboreiro vén de leporarios, onde hai lebres, ou Maceda, lugar abundante en mazás-; sen embargo, ás veces o nome cámbiase á forza polo capricho da xente que está ao mando. "En Melide hai un caso moi interesante. O que hoxe é Os Ánxeles, ata o século XVI foi Santa María de Malos. Con este tipo de nomes -un caso moi parecido aconteceu en Brión, cunha parroquia que se chamaba Santa María de Perros- a Igrexa procedeu á retoponimización porque os consideraba malsoantes. E como despois do Concilio de Trento chegou -incluso ata California- a moda de promover o culto á Inmaculada rodeada de anxos, todos estes nomes recibiron esta nomenclatura", explica Vicente Feijoo.

O filológo atópase inmerso nun traballo moi complexo de documentación da microtoponimia galega. "Somos a rexión do mundo que máis nomes e máis antigos ten, e ese saber estase perdendo", recorda Feijoo, que lanzará xunto ao seu equipo unha aplicación móbil para que a xente acredite e recolla os microtopónimos que coñeza. Porque aquí, á terra, mil nomes non lle chegan a nada.

Nomes con moita historia
Comentarios