Necrolóxica | O legado de Carlos Méndez

Flores en un cementerio. ARCHIVO
photo_camera Flores en un cementerio. ARCHIVO

O pasado mércores recibimos na Ulloa a triste noticia do falecemento do sacerdote monterrosino Carlos Méndez Vázquez, investigador, historiador e escritor que deixa na nosa comarca gratas lembranzas e un legado de inxente transcendencia.

É evidente a influencia do cristianismo na nosa cultura, mais foron certos cregos, e falamos de persoeiros do talle de Frei Martín Sarmiento, o Padre Feijoo, López Ferreiro, Xesús Carro, Manuel Lago, Avelino Gómez Ledo ou Paulino Pedret, os que fixeron notables aportacións persoais á cultura galega. Na Ulloa deixaron unha clara pegada tres sacerdotes: Antonio López Ferreiro (1837-1910), autor da novela histórica O castelo de Pambre; Teolindo Cortiña Toural (1884-1972), cura agrarista e poeta, que merece unha revisión da súa obra; e moi especialmente Carlos Méndez Vázquez (1931- 2023), historiador e promotor cultural.

Foi don Carlos quen de infundirnos ilusións e ánimos nos nosos comezos, cando fundamos o Instituto de Estudos Ulloáns nunha palleira da aldea de Chorexe, en Palas de Rei, sen apenas recursos pero cun enorme potencial humano. Dirixiu despois no IEU excursións e visitas de estudos por toda a comarca, co rigor historicista que o caracterizaba, transmitíndonos o seu saber coa humildade e a sinxeleza do xenuíno erudito, nunca exentas do entusiasmo de quen ten permanentes ansias de coñecemento.

Lembrareino sempre no alto da penedía do castro de Sirgal, en Monterroso, remexendo entre as pedras co seu recio bastón na busca de escenarios para organizar unha nova excursión. Tiña daquela xa máis de oitenta anos, e nin a historiadora María José Gómez Alvite nin eu, que o acompañabamos nesa ocasión, podiamos seguir o seu ritmo, era tal o seu espírito indagador e a súa entrega as empresas que acometía, coa paixón e o esmero dun investigador mozo. Acolleunos en toda ocasión con grande afecto e xenerosidade, facéndonos sentir no seu museo, que creara con férrea vontade e impagables anos de severo traballo, como na nosa propia casa. E se ben considerou ao IEU o seu herdeiro intelectual, doou a súa inestimable colección arqueolóxica e etnográfica ao concello de Monterroso, xermolo do actual Centro de Interpretación das Feiras, museo que aspira ser un relevante elemento de dinamización turística e cultural da Ulloa.

Co IEU publicou os seus últimos traballos. Temos pendentes investigacións iniciadas por el, unha delas a historia dos canteiros da Ulloa, e que agardamos rematar na súa memoria e publicar como homenaxe póstuma.

En 2021 nomeámolo, polos seus recoñecidos méritos, socio de honor do IEU, pero foi moito máis que iso, foi un entrañable compañeiro e prezado mentor, a luz que nos alumeou cando tivemos que tomar delicadas decisións nas difusas encrucilladas que atopamos no noso andar.

O legado de don Carlos abrangue, por unha parte, bens materiais, como as súas publicacións, froito das súas investigacións, e, fundamentalmente, a desinteresada doazón ao pobo de Monterroso das súas valiosas coleccións museísticas. E por outra, inmateriais, a súa vida exemplar, a súa dedicación aos demais, o seu tesón, o rigor no seu traballo, que servirán de modelo ás novas xeracións ulloanas.

Gran benfeitor de Monterroso, foi Carlos Méndez Vázquez un loitador infatigable pola nosa causa, que non é outra que a da cultura.

Francisco Pardo Teijeiro. Director do Instituto de Estudos Ulloáns.