Un crisol de cores no Agrocuir da Ulloa

Colectivo Agrocuir da Ulloa. ANA SOMOZA

O colectivo LGTBiQ+ da comarca celebra unha nova edición deste festival que aúna natureza, música e diversidad

"XA ESTÁ ben de reprimirse, hai que ser naturais", con estas palabras trataba de expresar Gina, membro do colectivo organizador, o que significa ser partícipe do Agrocuir da Ulloa. Este venres e sábado celébrase entre a vila de Monterroso e a Granxa Maruxa, no lugar de Cumbraos, a quinta edición dun evento único en Galicia que aúna música, espírito pola natureza e respecto á diversidade de idades, procedencias, identidades e sexualidades.

"Escóitase moito iso de normalizar e quizais nós, contra iso, queremos naturalizar e aceptar a diversidade. Non se trata de ser normais ou raros senón de respecto", aseguraba o pasado martes Adrián Gallero, presidente do colectivo Agrocuir da Ulloa, sobre o ánimo e a filosfoía do festival.

Este evento lévase a cabo con recadacións e a venda de entradas, mantense independente e non recibe axudas, aínda que o impacto económico no contorna é notable en sectores como a restauración ou o hostaleiro, onde aseguran non hai prazas para poder pernoctar.

Cunha asistencia na edición pasada dunhas 1.700 persoas, o festival quere repetir o éxito colleitado e presenta non só unha oferta para todos os públicos senón as maiores facilidades para os asistentes. Aseguran que existirá un bus que unirá Monterroso, a zona de cámping e os hoteis para transportar xente ata a Granxa Maruxa e viceversa e abrirase a zona de xantar para aqueles que coa entrada prefiran traer da casa a súa comida ou bebida, buscando así a comodidade para todos os tipos de público que abrangue, dende xente nova a familias pasando por terceira idade.

"Atópanse distintas xeracións, os máis maiores atoparán similitudes con festas e romerías máis tranquilas, cun corte tradicional, pero cunha variedade raramente vista e, sobre todo, cun bo ambiente difícil de conseguer. É un modelo menos destrutivo e ecolóxico, aínda así haberá tempo para todo", afirma Marta Álvarez, propietaria de Granxa Maruxa.

Agrocuir da Ulloa recibiu este ano peticións de colaboracións de varios colectivos, asociacións e revistas de toda España, xa foi tema de dous traballos de fin de grao —un en Londres e outro en Holanda— e pode presumir de acoller asistentes de Barcelona, Madrid, Murcia, Asturias e fronteiras internacionais ao nivel de Suíza ou Francia. Arcópolis, o maior representante nacional da loita pola igualdade LGTBIQ+, tamén contactou co colectivo ulloao para solicitar un dos artigos que teñen á venda. Entre chapas, camisolas e vasos oficiais do festival, os organizadores recuperaron, coa axuda do comercio local, a bandeira de oito cores, a auténtica do movemento, que triunfa todos os anos.

A grande acollida de público e da contorna asegura, polo momento, a longa vida que ten por diante este festival. O impacto económico e social que tivo no comercio local é retribuído cara o colectivo que, confesan algúns membros, chegou a verse emocionado ante as respostas humanas.
 

E ademais
A oferta cultural que acolle todos os tipos de público

 

Monterroso e Granxa Maruxa acolleran durante dúas xornadas unha amplia oferta de actos para todos os gustos. O venres presentarase o festival na Praza do Froito, seguido da actuación de Áureas e Sacha na Horta. O sábado, xa na Granxa Maruxa, comezará unha mañá de obradoiros para adultos e actividades para o público miúdo. Nos pratos fortes do día atópanse a obra de teatro ‘Elisa e Marcela’, a entrega de premios Agrocuir e a Sesión Golfa, entre outros moitos actos.