Mutismo en Monterroso ata non ser aceptada en pleno a renuncia de Gato

As diferentes forzas comezarán a negociar a partir do luns, cando o exrexedor xa non poida recuar na súa decisión
Pleno extraordinario de aprobación de axudas a asociacións. CARBALLEIRA
photo_camera Pleno extraordinario de aprobación de axudas a asociacións. CARBALLEIRA

As diferentes forzas con representación na corporación de Monterroso prefiren non avanzar ningún movemento do taboleiro da política municipal ata que a renuncia de Gato non sexa aceptada polo pleno, un trámite esixido pola lei electoral para o que xa está marcada unha cita o vindeiro luns ás dez da mañá.

Aínda que Gato confirmou que a súa decisión era "irrevocable", tanto Independientes por Monterroso (IxM) como o Partido Popular amosaron as súas reservas a pronunciarse ao respecto ata que se formalice a dimisión. "Esta fin de semana reunirémonos como grupo, pero non faremos nada ata ese momento; el podería chegar a retroceder na súa decisión", indicou este xoves Rocío Seijas, portavoz de IxM. Pola súa parte, o portavoz popular, Eloy Pérez, indicou que "por desgraza, semella que neste Concello todo pode ser, despois do ano tan esperpéntico que vivimos".

A formación popular indica ademais que, pese a ser esta unha lexislatura marcada polo caos, a renuncia do exrexedor supuxo "unha sorpresa" para o grupo e tamén para os veciños. "Non sabemos o que vai pasar. A chave estará en IxM, pero non temos idea de se quererá pactar connosco ou co PSOE, como tampouco chegamos a recibir en ningún momento unha proposta de pacto con Gato", comentou Pérez.

Quen se amosou máis aberto a un futuro sen Gato foi o portavoz socialista, Rafael García. "Estamos lexitimados para postularnos como forza líder en Monterroso, pois somos a segunda máis votada, só cun voto de diferencia con respecto a IxM", comentou García. Ademais, o portavoz socialista manifestou que "non temos ningún complexo para liderar ese cambio despois de todo o que sucedeu neste Concello", comentou.

Pola súa parte, Xavier Vázquez, alcalde en funcións e único edil de Compromiso por Galicia (CxG) só espera "facer esta transición da mellor maneira posible, sen traumas, para o ben dos veciños de Monterroso", manifestou.

Comentarios