sábado. 21.05.2022 |
El tiempo
sábado. 21.05.2022
El tiempo

O Museo da Terra de Melide inaugura tempada con roteiros e visitas guiadas

Unha das actividades recentes do museo. EP
Unha das actividades recentes do museo. EP
A entidade celebrará a vindeira semana as Letras Galegas, cun percorrido polos autores da comarca, e o Día dos Museos, con atención ás pezas máis singulares que custodia na súa sede

O Museo da Terra de Melide inaugura a tempada deste ano. Logo de estar catro meses pechado ao público, abre a portas para ofrecer unha programación que permita coñecer esa sorte de lugar para unha comarca que é "un museo que recolle a memoria do pobo", como o define Cristina Vázquez Neira, arqueóloga e técnica da entidade.

A apertura coincide próxima ao Día das Letras, o 17 de maio, e o dos Museos, o 18. No primeiro, a partir das 17.00 horas, ofrecerase un itinerario que permita descubrir as persoas do municipio que fixeron da investigación ou da literatura unha parte importante da súa vida, como Eduardo Álvarez Carballido ou Antonio Taboada Roca, en aspectos relacionados co patrimonio, ou Juana Teresa Luega, poeta. Por outra banda, no Día dos Museos, o centro propón unha visita guiada para coñecer as pezas máis singulares que custodia, para que non pasen desapercibidas na colección.

Ademais, nestes meses o equipo do museo estivo traballando para ofrecer novos roteiros, enfocados en aspectos específicos do patrimonio da zona. "Até agora demos unha visión máis xeral, cos roteiros que titulamos Melide das lendas ou Melide histórico, pero nesta tempada enfocarémolos máis, con cuestións específicas como o patrimonio relixioso ou arquitectónico, por exemplo. Temos un público fiel, que acostuma repetir, e queremos darlle cousas novas", comenta Cristina.

O calendario destas rutas está aínda por pechar, pero cada mes celebraranse dúas saídas, agás nos meses de verán, nos que haberá roteiros todas as semanas. Todas estarán abertas a persoas de calquera idade.

UN MUSEO ABERTO. O centro tamén agarda varias visitas dos CEIP da contorna, cos que tamén traballa na elaboración de material didáctico. "Estamos a piques de publicar varios cadernos didácticos para os colexios", comenta Cristina, que tamén indica que esta liña de actividade recibiu impulso coa pandemia, xa que lles obrigou a buscar novas portas e camiños para entrar no museo. Tamén agardan outras visitas de asociacións de veciños e alumnado de escolas de arte.

O Museo da Terra de Melide está xa aberto ao público no seu horario habitual, de luns a sábado, de 10.30 a 13.30 horas, e de 17.00 a 20.00. Os domingos tamén estará aberto, en horario de 11.00 a 14.00 horas.

Conta Cristina Vázquez que a entidade botou a andar no ano 1978, e que nos seus 43 anos de traxectoria pasou por tres ubicacións distintas. "A actividade hoxe vai máis alá das súas salas (aínda que a visita ó museo debe ser a fundamental e primeira), e está moi conectado coa sociedade", comenta.

O Museo da Terra de Melide inaugura tempada con roteiros e visitas...
Comentarios