"De mozo soñaba con facer algo así, pero pensaba que xa non tería a oportunidade"

Con case 90 anos –cumpriraos no mes de maio–, é o músico máis veterano da banda de Antas de Ulla e coautor do libro Coa música a outra parte, co que se conmemora o 125 aniversario da agrupación. Como actor protagoniza o documental Verde, a cor da soidade, que se estrea na TVG2 o próximo día 15.

Eduardo Salgado Coego. S.P.
photo_camera Eduardo Salgado Coego. S.P.

HAI PERSOAS que se empeñan en demostrar cada día que iso da idade é só unha cifra porque por memoria, vitalidade, ganas de aprender e de emprender novos retos mantéñense eternamente mozos. Eduardo Salgado Coego é un exemplo diso. Músico, escritor e actor, é nesta última faceta na que acaba de cumprir un dos seus grandes soños, debutar nas pantallas.

É o protagonista do documental Verde, a cor da soidade, que se estrea o día 15, ás 23.00 horas, na TVG2. Que conta esta historia?
Fala desa xente maior que a día de hoxe vive en aldeas totalmente baleiradas de xente. É esa triste realidade do rural actual.

Vostede é actor afeccionado nun grupo de teatro de Antas. Como foi ese salto á pantalla?
Comigo contactou o director do documental, Alberto Trabada, en marzo de 2020. Faloulle de min a nai dun neno que toca comigo na banda de música de Antas e a partir de aí aceptei o reto de protagonizar o documental.

Algunha vez pensou en dar este paso?
De mozo si soñei algunha vez con facer algo deste tipo, pero cando xa cheguei a unha idade pensei que quedaría nun soño. Por iso me fixo especial ilusión poder facelo.

Como foi a rodaxe?
Foron tres días moi intensos, nos que gravabamos da mañá á noite. Foi moi bonito, en aldeas de municipios como Ribeira de Piquín ou A Fonsagrada, entre outros. O máis duro é que foron días moi fríos e con choiva.

Quédanlle ganas de repetir?
Por suposto que si. Eu son unha persoa moi activa, necesito facer cousas e se vexo que son capaz de sacalas adiante, lánzome. Exemplo desa vitalidade é que non só está nun grupo de teatro senón que tamén é músico na banda de Antas de Ulla. Si, son o músico máis veterano da banda, o avó de todos os meus compañeiros (ri).

Cando empezou na música?
Empecei en 1944, con pouco máis de 10 anos, indo a clases de solfexo no colexio. Dous anos despois, xa empecei a estudar con instrumentos na banda e en 1947 xa fun con ela ao que foi o meu primeiro concerto, preto de Monforte.

Coas clases de música na banda empecei en 1944 e tres anos máis tarde toquei con ela o meu primeiro concerto

E xa nunca abandonou a banda?
Si, houbo un longo período de interrupción. Casei no ano 1956 e pouco despois emigrei a Euskadi, concretamente a Portugalete. Alí traballei de moitas cousas, fundei un equipo de fútbol e rexentei unha cafetería durante 24 anos.

Cando regresou?
A Antas de Ulla regresei ao xubilarme, no ano 1997. En 2007 enviuvei e por mor diso, algún compañeiro que tocara comigo na banda naquela primeira etapa animoume a volver coller a trompeta.

Eduardo Salgado Coego, coa súa trompeta. S.P.
Eduardo Salgado Coego, coa súa trompeta. S.P.

Hai máis compañeiros daquela primeira época que sigan tocando hoxe con vostede?
Non. Daqueles anos xa só quedamos tres e só son eu o que segue.

E faino con músicos moitos máis novos.
Si, no ano 2012 creouse a escola de música e cheguei a tocar con nenos que daquela tiñan seis ou sete anos.

O ano 2021 foi moi especial para a banda.
Si, celebramos o 125 aniversario e para conmemoralo escribín xunto a José Manuel Salgado Mosquera o libro Coa música a outra parte, no que se fai un repaso da historia da banda.

Con todo, non puido estar na presentación nin na gala conmemorativa o pasado día 5.
Desgraciadamente, tiven un problema de saúde e non puiden tocar nin na gala nin presentar o libro. Pero quedo con todas as chamadas, felicitacións e mostras de cariño que tiven por parte de moitísima xente.

Como levou unha persoa tan activa con vostede todas as restricións ás que obrigou o covid.
Para as persoas maiores todo isto do confinamento e as restricións foi un gran paso atrás. Eu noteino moito, porque ao vivir só e non poder falar con case ninguén sentín que perdía algunhas facultades para comunicarme. Afortunadamente, na banda puidemos ensaiar, pero desexo que todo se normalice e poder regresar xa aos ensaios de teatro e volver actuar nos escenarios.

Comentarios