miércoles. 11.12.2019 |
El tiempo
miércoles. 11.12.2019
El tiempo

Monterroso pon as catiúscas para o feirón

Recinto de A Cúpula. VICTORIA RODRÍGUEZ
Recinto de A Cúpula. VICTORIA RODRÍGUEZ
Vecinos y comerciantes se muestran preocupados por la situación de la fábrica y no dudan a que afectará a toda la comarca

"Na feira de Santos, neve nos campos", di o refraneiro. Non se pode esperar moi bo tempo o primeiro de novembro, pero a choiva de onte puxo a exame a gaña dos veciños de desfrutar do seu feirón. E aprobaron.

Milleiros de persoas encheron onte as rúas de Monterroso, como cada Día de Santos dende hai centos de anos. O número de postos, como indicou o alcalde, Antonio Gato, é incalculable, e aí está o seu encanto. Ademais de profesionais da gastronomía de todos os cantos de Galicia, o feirón acolle aquela veciña de Milleirós cun saco de castañas, estoutro veciño de Ligonde cunha ducia de queixos ou aquela moza de Frameán cun cesto de mazás.

Todos os produtos tiveron cabida na Cúpula do centro da vila. "Eu non fago isto para gañar cartos, senón porque me gusta ver a horta coidada, para que non morran as aldeas", comentaba unha veciña que presumía de fabas e cabazas.

Chourizos e queixos. Pan e viño. Embutidos e bacallau. Castañas, noces e mazás. Cebolas e allos. Por cada paso dos asistentes que abarrotaron A Cúpula de cara ao mediodía, a feira ofrecía unha nova variedade destes produtos, un xeito caseiro de ofrecelos, un acento propio para presentalos.

Onde non cabía un alma foi nas distintas carpas para comer o polbo, a oito euros a ración, máis barata ca outros anos. Tampouco nos baixos alugados por restaurantes ou asociacións, ou nas parrillas que se asomaron á mesma rúa para asar o churrasco.

O feirón de Santos cambia o rostro de Monterroso por un día, ou por dous, pois xa na véspera unha charanga andivo alertando aos veciños e negocios de que cumpría ir á feira, aínda que houbese que poñer as catiúscas, e chapicar se preciso.

Os Falcatrueiros deron máis dun motivo para danzar, percorrendo as rúas da vila. Os poemas de Pablo López –veciño de Batán– situados en cabaletes por distintos lugares de Monterroso fixeron o efecto contrario, e numerosos veciños se detiveron baixo o paraugas para lelos e coñecer mellos a orixe desta tradición, na que están inspirados.

A lingua tamén se manifestou no seu carácter máis popular, coas coplas de Toño Díaz, poeta e veciño de Navia de Suarna, acompañado doutros dous coplistas.

GANDO. "As mulas de Monterroso son os tractores de Castela" é outro dos refráns máis coñecidos sobre a feira monterrosina. O gando nunca faltou nela, tampouco onte. Vacún, cabalar, porcino, caprino e ovino, no recinto feiral os tratos se mantiveron até a tarde.

De maneira paralela, no restaurante Pacior celebrouse a xa tradicional Foliada de Santos, con obradoiros, concertos e foliada "ata gastar as suelas", como gusta dicir a asociación 25 Xastres.

"Se ti viras o que eu vin/ alá arriba en Monterroso;/ vintecinco xastres xuntos,/a cabalo dun raposo", canta a canción popular. Proba do tirón desta feira, de Interese Turístico Galego, son todas as autoridades que cada ano nela se deixan ver. Reponsables provinciais de partidos políticos, candidatos ao congreso e ao senado, o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o alcalde da localidade, Antonio Gato, tamén se puxeron as catiúscas para ir.

Monterroso pon as catiúscas para o feirón
Comentarios