sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

Monterroso énchese cos populares ritmos do seu clásico festival de danza

undefined
Alumnas das escolas de Falcatrueiros actuando no festival infantil de danza o pasado martes. EP
Falcatrueiros celebrou a segunda xornada de espectáculos, despois do festival infantil que tivo lugar o día anterior e que completou o aforo

A asociación cultural Falcatrueiros celebrou onte en Monterroso o XXXV Festival de Danza, un día despois do festival infantil, que logrou encher o patio de butacas.

A programación incluía un pasarrúas pola localidade e a actuación do grupo de música tradicional Comando Curuxás na apertura do espectáculo. Falcatrueiros representou a súa montaxe 'Tempos de nubeiros', que incluía cambios de vestiario, xogos de luces, atrezzo e intermedios teatralizados entre as pezas, segundo explica Tatiana Rodríguez, presidenta da asociación.

Engade que preparar este espectáculo requeriu moito esforzo por parte de todos os integrantes: "ensaiamos moito e tivemos moito traballo, porque todo tiña que estar fiado moi fino".

Nova galega de danza pechou ao festival co seu espectáculo Leira. Rodríguez destaca "o orgullo que é para nós contar co nominado a mellor espectáculo nos premios Max das artes escénicas e sobre todo no que participa o noso mestre Iván Villar, que tamén está nominado a mellor intérprete".

Entre as dúas últimas actuacións sorteouse un lote de alimentos da zona, produtos de cosmética cedidos por Muuhlloa, o disco do grupo Comando Curuxás e un cadro do artista Maximiliano López, que tamén imparte clases de pintura na asociación.

Tatiana Rodríguez manifesta que a actuación infantil foi "moi emocionante para os nenos e as nenas das escolas, que levaban dous anos sen poder actuar".

Engade que "a nós encántanos poder actuar no festival", pero lamentan ter que prescindir da celebración posterior pola situación sanitaria: "resignámonos porque xa é unha sorte poder facelo, pero quedamos un pouco coxos nese sentido".

Monterroso énchese cos populares ritmos do seu clásico festival de...
Comentarios