jueves. 24.06.2021 |
El tiempo
jueves. 24.06.2021
El tiempo

Monterroso convocará aos alcaldes do Camiño Santo para impulsar esta ruta

Un momento da reunión en Monterroso. EP
Un momento da reunión en Monterroso. EP
O delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse con Rocío Seijas para buscar xeitos de colaborar na promoción deste itinerario xacobeo

O goberno monterrosino, con Rocío Seijas á súa fronte como rexedora por Independientes por Monterroso, convocará aos outros alcaldes dos concellos polos que discorre o Camiño Santo co obxectivo de dinamizar conxuntamente esta ruta de peregrinaxe a Compostela que tamén foi utilizada polos maragatos que viñan de Castela.

Así o indicou este xoves a mesma Seijas, logo dunha reunión mantida co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a investigadora que realizou a tese na que se documenta a raíz xacobea e maragata da ruta, María José Gómez Alvite, que expuxo os indicios nos que se sustenta a reivindicación da mesma. Na reunión tamén participaron o alcalde de Taboada, Ramiro Moure, e outros integrantes da corporación monterrosina.

Os alcaldes aos que quere convocar o Concello de Monterroso para implicarse conxuntamente na promoción desta ruta "primeiro como ruta cultural e, máis adiante, como ruta xacobea", segundo indica Seijas, son os de Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, O Incio, Bóveda, O Saviñao, Taboada, Palas e Melide, municipio este último no que a ruta conflúe no Camiño Francés.

Seijas indica que o obxectivo será o de promover a ruta nas súas dúas dimensións, e destaca a importancia do paso dos maragatos até Monterroso pola importancia das súas feiras.

Para solicitar, nun futuro, a aceptación da variante do Camiño Santo, buscarán en primeiro lugar documentar o trazado "cun grupo de investigación". Para iso, Rocío Seijas apunta varias maneiras de financiamento, dende os fondos locais até o esperado apoio da Xunta de Galicia.

"A reunión que tivemos supuxo colocar a primeira pedra da promoción deste camiño. O primeiro paso será o de reunírmonos cos alcaldes dos municipios polos que transcorre a ruta, e coñecer o noso interese e as posibilidades de sumar as nosas forzas e recursos nunha acción conxunta", comentou a rexedora monterrosina.

Monterroso convocará aos alcaldes do Camiño Santo para impulsar...
Comentarios