lunes. 09.12.2019 |
El tiempo
lunes. 09.12.2019
El tiempo

Moito máis que unhas cualificacións brillantes

Jairo Pazos na facultade de Ciencias da Educación de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
Jairo Pazos na facultade de Ciencias da Educación de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Jairo Pazos Veiga, de Palas de Rei, e Patricia Barral Aguín, de Portonovo, son dous dos egresados do campus de Pontevedra que veñen de lograr un recoñecemento á súa traxectoria universitaria cos premios fin de carreira. Actualmente exercen como docentes en centros concertados

Os premios fin de carreira, que concede a Consellería de Educación, viñeron a poñer o ramo a uns brillantes expedientes académicos que agora teñen continuidade nas aulas, onde poñen en práctica non só o aprendido na facultade, senón tamén toda aquela formación que adquiren por iniciativa propia grazas a unha vocación a proba de bombas. Son Patricia Barral Aguín e Jairo Pazos Veiga, dous dos oito alumnos do campus de Pontevedra (das que sete son mulleres) que forman parte dos 27 galardoados da Universidade de Vigo.

Jairo Pazos Veiga graduouse en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Fíxoo cun 9,53 de media, un premio extraordinario de Fin de Grao e 30 matrículas de honra. Nacido en Palas de Rei, este mozo de 23 anos leva unhas semanas exercendo como docente de Educación Física, Galego e Inglés con alumnado de Secundaria nun centro concertado en Coruxo (Vigo).

Chamárono polo seu currículum. Deu clases particulares, foi preparador físico no Pontevedra CF e adestrou a equipos de fútbol de categorías inferiores en Poio e Palas. Tamén ten no seu haber un Premio Exeria, da UVigo, por un proxecto que pon de releve a importancia da perspectiva de xénero nas aulas, onde tamén fora o único varón galardonado. Este último premio supón para el "un recoñecemento colectivo" para "todas esas persoas que te van moldeando no día a día e creando a túa personalidade. Por moito que vomites contidos, se a túa parte persoal non é potente a académica non crece". Refírese á familia, aos formadores, ao seu propio alumnado ou os "rapaces do fútbol, cos que aprendes no día a día".

"Sempre tiven clarísimo que quería ser docente", asegura Jairo. Pero descartou matricularse en Educación Infantil ou Primaria, xa que prefería dar clase a rapazada de máis idade. "A pesar de que moita xente pensa que a adolescencia é unha etapa moi complicada, eu creo que é unha idade fantástica, porque empezan a pensar, a cuestionar a realidade, e teñen ideas propias". A Educación Física era a área que lle permitiría "coñecer máis ás persoas" e non limitarse a impartir un contido.

Jairo exerce como docente de Educación Física, Galego e Inglés con alumnado de Secundaria nun centro concertado en Vigo

CRÍTICA. Como firme defensor da educación pública, non descartaría, nun futuro, preparar unhas oposicións, aínda que considera que "se lle debería dar unha volta" a este sistema. "Non ten moito sentido que o proceso de admisión se basee nun mero exame cunha primeira parte con contidos que non variaron desde os anos 90, pese a todo o que evolucionou a sociedade. Se non queremos ensinar aos rapaces en función de contidos, senón de competencias, como me van a avaliar a min por contidos para acceder á función docente?".

Tamén se amosa moi crítico coa formación recibida na facultade. "É un problema pedagóxico", xa que os docentes de Secundaria, como é o seu caso, fan "un máster vergoñento porque non se trata absolutamente nada de cousas importantes" e que agora bota en falta no seu traballo. De feito, lembra, ningún dos profesores que impartía este mestrado no meu caso estaba exercendo en Secundaria. "Poden teorizar o que queiran, pero non coñecen a realidade". Nos claustros de profesores decátase de que os da ESO "temos unha formación pedagóxica moito máis coxa que os de Primaria, temos unha carencia tremenda".

Despois "é cada un o que busca camiños para seguir formándose" a través de congresos ou foros educativos. "O problema da Universidade é que case todos son investigadores e non están no campo da batalla, non traballan co alumnado e transmiten unha realidade moi sesgada". Pese as súas excelentes notas, "sempre fun moi crítico na facultade" e apenas lembra a "tres ou catro profesores" que lle achegaron algo. Por iso bota en falta no mestrado "formación máis axeitada" e máis centrada en Secundaria que en Primaria e máis especialización no propio grao.

Pazos Veiga recalca o recoñecemento colectivo que supón para el este galardón e que comparte con docentes como Pedro Vicente Vila, "que ten unha gran traxectoria", e cos alumnos das súas aulas particulares, "que contribuíron ao meu éxito académico e persoal, que é o que importa, porque para que me serviron as boas notas?".

Os dous botan en falta que os procesos de selección para impartir aulas na escola pública estean máis apegados á realidade

Patricia Barral diante do mural que elaboraron na escola infantil Abrente. DPOs 3.000 euros de premio irán para o peto, o mesmo destino que terá o cheque de Patricia Barral. Ten 28 anos, é de Portonovo e traballa na escola infantil Abrente, nesta mesma localidade, con crianzas de cero a tres anos. Decidiu matricularse en Educación Infantil despois de rematar o ciclo formativo e graduouse en 2018 cunha media de 9,1 a pesar de ter compaxinado a facultade coa vida laboral en épocas de vacacións de verán e Semana Santa ou cubrindo algunha baixa. "Por este motivo tardei algo máis en acabar a carreira". Esa boa nota permitiulle presentarse á convocatoria do premio, pero non contaba con el. "Había moita xente con boas notas, pero animeime a probar".

"Sempre quixen ser mestra de Infantil", asegura esta rapaza, que leva "cinco ou seis anos" traballando cos máis pequeniños.

Na facultade, apunta, a formación está máis centrada na etapa de tres a seis anos "e hai bastante diferenza", algo que solventa coa formación previa do ciclo. O seu soño sería ser directora dunha escola de cero a tres. "Fixen a carreira por iso, porque se precisa a titulación de grao". Por iso está esperando a que se convoquen prazas nas Galiñas Azuis.

Patricia considera que como primeira criba as oposicións son un bo sistema, pero "tamén se precisaría unha proba práctica para este tipo de traballo. Está claro que tes que saber teoría, facer unidades didácticas... pero tamén aplicar iso na aula. E non hai unha proba que valore iso". Tamén botou en falta ter máis prácticas formativas durante a carreira.

A sanxenxina lamenta que esta rede de centros "nin sequera forme parte de Educación", senón de Benestar Social e que os convenios laborais dos mestres non teñan nada que ver entre as distintas etapas educativas. "Estou un pouco indignada nese aspecto, porque nós tamén educamos e deberiamos de ter un pouco máis de recoñecemento nese aspecto. Espero que se vaia avanzando". Alomenos, subliña, na escola na que traballa tanto o resto do profesorado como as familias "valoran o noso traballo".

Moito máis que unhas cualificacións brillantes
Comentarios