Viernes. 16.11.2018 |
El tiempo
Viernes. 16.11.2018
El tiempo

Mil anos de historia sen aproveitar en Monterroso

Vista da torre e a capela de San Miguel de Penas
Vista da torre e a capela de San Miguel de Penas

Torre-Pazo de San Miguel de Penas ▶A fortaleza desta parroquia monterrosina alberga no seu interior varios frescos de carácter profano perfectamente conservados. A Casa Ducal de Medinaceli, propietaria dos terreos, asegurou hai máis dunha década que habilitaría o monumento para abrilo ao público. De momento, as portas de entrada seguen pechadas

A inspiración non acostuma a chegar por casualidade. Emilia Pardo Bazán escribiu unha das súas obras cume, "Los pazos de Ulloa", durante os derradeiros anos do século XIX. Por esa época unha das súas musas, en San Miguel de Penas, levaba xa uns mil anos en pé.

A torre-pazo desta parroquia de Monterroso constitúe un conglomerado de varias edificacións que se foron construíndo en diferentes etapas históricas. Tino González, técnico responsable de turismo do Concello, dá conta de que neste recinto, propiedade da fundación Casa Ducal de Medinaceli, "hai máis dun milenio de historia sen explotar".

"O conglomerado monumental de Penas é unha bomba turística en potencia para a comarca", explica, ao mesmo tempo que vai expoñendo os principais atractivos da torre-pazo. "Todo o conxunto de naves foi construído en catro etapas históricas diferentes, comezando pola Alta Idade Media  —arredor dos séculos VII e VIII— ata hai uns cen anos, cando se fixeron as últimas edificacións", afirma. A torre, curiosamente, non foi o primeiro compoñente do conxunto de monumentos. Esta foi engadida á estrutura primixenia arredor do ano 1400.

Ademais do seu alto valor arquitectónico, a torre-pazo de San Miguel de Penas alberga no seu interior unha das mostras artísticas de carácter profano máis importantes de España, composta por varios frescos murais en diferentes puntos da fortaleza. "Só hai outro caso semellante no país, pero esoutras pinturas foron removidas da fortaleza na que estaban e repartíronse por varios museos de todo o mundo", di o responsable de turismo.

RECUPERACIÓN. Na década pasada houbo intentos por restaurar este recinto, que se atopa dentro do rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC) da Xunta de Galicia e que require, polo tanto, un mínimo de mantemento. A Administración galega xa alegou en casos semellantes —como a de dúas torres na aldea de Soutomerille, en Castroverde— que a obriga de protexer este elementos patrimoniais recae nos seus donos.

Neste senso, a principios dos anos 2000, e como consecuencia dunha donación dende a fundación estadounidense World Monuments Watch —unha institución sen ánimo de lucro que pretende preservar elementos históricos en perigo de desaparición—, a Casa de Medinaceli acometeu obras na torre-pazo para frear o seu deterioramento.

Logo dunha primeira fase na que se renovou o tellado da torre, a fundación anunciou máis reformas coas que poder, ao rematar as mesmas, abrir o conxunto monumental ao público. Porén, a pesar de varias iniciativas promovidas polo Concello de Monterroso, na que se solicitaron axudas á Deputación e Xunta, esta segunda fase de obras nunca tivo lugar. Tampouco a súa apertura ao público.

TURISMO. Arredor do recinto pódese observar un claro rastro de pisadas que indica a afluencia de interesados. Tino González aventúrase a imaxinar o que suporía "que se puidera acceder ao seu interior e observar a súa arquitectura e frescos de preto".

A pesar de que o Camiño Francés discorre por dentro dos límites de Monterroso, o itinerario non se achega polo centro da localidade. "Entre o castelo de Pambre, a igrexa de Vilar de Donas e San Miguel de Penas constituiríase un paquete turístico que desviaría unha gran cantidade de peregrinos ata esta zona", explica.

Miguel Rico: "A torre-pazo é unha das mostras culturais máis importantes da comarca, calquera acción para aproveitala é pouca"

O alcalde monterrosino, Miguel Rico, tamén ve a torre-pazo de San Miguel de Penas como "un espazo ideal para atraer turistas, sobre todo peregrinos".  "Todo o que se poida facer no seu favor vai ser benvido", afirma.

Ámbolos dous poñen de exemplo o caso da torre de Torés, nas Nogais, tamén propiedade da fundación Casa Ducal de Medinaceli. Os veciños, testemuñas directas do desgaste do inmoble co paso dos anos, iniciaron no 2017 unha recollida de firmas para esixir ás institucións que se fixeran cargo da situación. Ante a falta de resposta, puxéronse en contacto coa Casa de Medinaceli, a cal accedeu a ceder a titularidade do monumento por 99 anos.

Tino González: "O conglomerado monumental de San Miguel de Penas é unha bomba turística en potencia para a Ulloa"

"O Concello non pode tirar a casa pola ventá, pero si que tendemos a man para colaborar co resto de administracións", afirma Miguel Rico. "O principal problema reside na titularidade dos terreos", conta por outra banda Tino González, que non conseguiu falar con ningún administrador da fundación Casa de Medinaceli a pesar de intentalo varias veces. Á hora de coñecer a visión da fundación, este xornal tentou sen éxito en varias ocasións poñerse en contacto coa mesma.

Veciños e turistas agardan unha solución para San Miguel de Penas, que ten aínda moita historia que contar.

Musa
Poetas inspirados pola fortaleza de Penas
 
 
Ademais de Emilia Pardo Bazán, literatos coma Garcilaso de la Vega ou Ramón Cabanillas viron na torre-pazo de San Miguel de Penas unha fonte de inspiración para as súas obras. Poemas como A noite do Castelar de Cabanillas ou as famosas Églogas de Garcilaso aumentan aínda máis o valor cultural da fortaleza.

 Comunicación
Antonio Yebra de Ares, cronista oficial de Monterroso, contaba nos seus textos que dende Penas había comunicación directa coas torres do castro de Amarante, a uns dez kilómetros de distancia. Empregábanse bandeiras e outras sinais para "darse noticias del bien y del mal", segundo explicaba.

 

Mil anos de historia sen aproveitar en Monterroso
Comentarios