Michi xa ladra en xaponés

O can que dúas peregrinas niponas rescataron en maio en Palas de Rei xa comezou unha nova vida na casa dos pais dunha delas en Osaka, despois de que viñesen buscalo en Nadal
Haruyo e Soshichi, con Michi. EP
photo_camera Haruyo e Soshichi, con Michi. EP

A historia de Michi é coma un conto. Sobre todo coma un conto de Nadal, un deses nos que o amor pon o mundo boca abaixo para que as cousas estean onde deben estar, como el agora en Xapón.

Se cadra, todas as historias do corazón son historias de viaxe. O inicio da travesía deste can non se coñece, pero si o seu xiro decisivo, cando coñeceu en Palas de Rei o pasado mes de maio as dúas peregrinas xaponesas que acabarían por darlle un fogar, Kimiko Uchii e Tamano Hayashi, na casa dos pais de Kimiko, Haruyo y Soshichi.

Michi é, de feito, un nome xaponés. Na lingua nipona significa "camiño", aínda que foi a Asociación Protectora dos Animais do Camiño (Apaca), de Compostela, quen lles instou a poñerllo. Longo foi o camiño de Palas a Osaka, non só o de Santiago. Iso si, o afecto acurtou os quilómetros todo o posible.

Os requisitos para a entrada de animais varían en función do país. En Xapón, esixen que o can recibira a segunda vacina contra a rabia polo menos 180 días antes de entrar en territorio nipón. Iso marcou os tempos para a chegada de Kimiko e Tamano. Vir en Nadal respondeu a esa casualidade.

Os coidadores de Michi na asociación Apaca propóñense agora viaxar a Xapón e facer con el o Camiño de Kumano

Durante ese tempo, desde que decidiron quedar con el ata que converteron o desexo en realidade, foi Apaca quen coidou dese can especialísimo. Para que o proceso de adopción fose da mellor maneira posible, os responsables de Michi en Apaca pasaron uns días con el baixo o mesmo teito que as xaponesas, o teito da dog friendly Casa Pontesarela, en Santiago, que se implicou con esta historia ofrecéndolles aloxamento. "Foron varios días de presentación, e incluso pasamos a Noiteboa con elas", explica Raquel Freiría, portavoz da entidade que auxilia os cans abandonados na ruta xacobea.

O día 26 comezaron a viaxe de volta. Primeiro A Coruña, para recoller un dos certificados que esixía a oficina xaponesa responsable -"que durante o proceso facilitou todos os trámites, e respondeu ao momento a todas as mensaxes", indica Freiría-; despois, Bilbao, dende onde colleron un voo a París, para que Michi tivese unha experiencia do que era entrar na bodega do avión e saír dela, antes da viaxe longa, as doce horas de París a Osaka.

Michi sufriunas, como calquera outro can, "pero xa está recuperado", di Freiría polos vídeos que vai recibindo da súa nova vida na prefectura de Osaka, o único que deste lado consola a angustia da separación.

NOVO FOGAR. Os pais de Kumiko agardábano dende ese mes de maio. Eles foron os que alentaron á filla a que adoptase ese can que tanto os conmoveu polas redes sociais. Amantes dos animais, xa vivían con dous gatos, o primeiro animal de compañía en Xapón.

De xeito semellante ao que sucedeu en Galicia, agora é Kumiko quen aínda está na casa dos pais ata que Michi se afaga por completo a eles. E de calquera xeito, ela vive só a 20 quilómetros desta contorna natural da prefectura de Osaka.

O máis difícil xa pasou, o resto é pan comido. Michi terá que habituarse a algún grao menos no inverno, e a comer máis peixe ca carne. A quen lles toca viaxar agora é aos seus responsables en Agaca. Raquel Freiría xa anda movendo fíos para facer, no país do sol nacente, o camiño co que o xacobeo está irmandado, o Kumano Kodo, ou Camiño de Kumano. Por suposto, en compañía. Na de Kumiko, Tamano, e sobra dicir quen irá abrindo o paso, escribindo o mellor conto de Nadal.

Comentarios