Mercamelide abriu os postos no Camiño

Tras máis de 20 edicións, a feira de oportunidades de Melide instálase por vez primeira á beira da ruta xacobea. Esta decisión duplicou a afluencia de visitantes e as vendas nos 23 diferentes postos que compuxeron o mercado deste ano
Posto en Mercamelide. AÍDA SOENGAS
photo_camera Posto en Mercamelide. AÍDA SOENGAS

Posto de froita en Mercamelide. AÍDA SOENGAS"O 50% das persoas que compraron estes días en Mercamelide non baixarían ata o Pazo de Congresos", confesou Manuel García, un melidao de 64 anos que si que acudiu a todas as edicións que, ata o de agora, se celebraron alí. Despois de dúas décadas, a feira de oportunidades de Melide saíu á rúa por primeira vez o venres pasado, aproveitando o trazado do Camiño de Santiago polo centro da vila. E os comerciantes déronlle a razón á opinión de García.

Baixo o novo alcume Mercamelide no Camiño, a Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem) abandonou o Pazo de Congresos para darlle á feira paso de peregrino. Segundo veciños e comerciantes, é unha idea do máis "acertada" e que levaban varios anos pedindo, posto que favorece a afluencia de xente.

A feira deu comezo a tarde do venres coa apertura de 23 postos de téxtil, xogos infantís, zapatos e colchóns, entre outros, con descontos de ata o 80% e un sorteo aberto aos visitantes en Facebook dun vale de compra valorado en 90 euros. Mercamelide continuou durante toda a xornada de onte, no seu día grande.

Afluencia de curiosos en Mercamelide. AÍDA SOENGASOPORTUNIDADES. A xerente de Asetem, Pilar López, indicou que as condicións desta feira supoñen unha maior oportunidade para o pequeno comercio, posto que é unha boa ocasión non só para ofertar os seus produtos a calquera que pase pola rúa, senón tamén para liquidar os que teñen de final de temporada.

Varios comerciantes coincidiron en que, só coa xornada do venres, xa conseguiron igualar todos os beneficios obtidos na edición anterior. A propietaria do negocio M&M moda, Mónica Segade, que leva participando en Mercamelide nove anos, explicou que no verán os beneficios baixan con respecto ao inverno "porque os veciños marchan, mais ao estar na rúa calquera que veña de visita ou de paso polo Camiño, párase", confesou.

A edición deste ano tamén contou con novedosas incorporacións, como o stand de Meypa Extracciones Eléctricas, que vendeu placas solares e tomas eléctricas para cargar coches, ou o posto de Juifi, que ofertou instalacións wifi adaptadas ao rural. "Creo que non estaría tendo esta popularidade se estivésemos no pazo, xa que os que adoitan ir ao mercado van ex profeso ata alí e aquí estamos ao alcance de todo o mundo", comentou o vendedor de Meypa, Juan Loureiro.

Puesto en Mercamelide. AÍDA SOENGASCOMODIDADE. Non soamente os comerciantes están encantados co Mercamelide no Camiño. Os veciños amosaron o seu contento coa novidade. "Tendo a feira ao pé da casa e facendo bo tempo, vas de boa gana. É a mellor escusa para saír a dar un paseo cos amigos e a familia", comentou otra veciña de Melide, Carmela Varela, que leva asistindo á feira dende os seus comezos.

Por outra parte, tanto Asetem coma os comerciantes coinciden en que o clima é unha condición de risco. "Lo ideal sería tener stans preparados para la lluvia. Es el inconveniente de esta iniciativa, que nos lo jugamos todo al tiempo", comentou Pilar López.

Afortunadamente, o clima acompañou esta edición, que acolleu moreas de visitantes e duplicou os beneficios da maioría de postos.

Comentarios