Memoria dunha escola habaneira, na parroquia ulloá de Santa Cristina de Areas

Os veciños deste núcleo reclaman a conservación desta escola, promovida pola Sociedad Monterroso y Antas de Ulla, fundada na Habana en 1911
Escola Antas1
photo_camera Casa escola de Santa Cristina de Areas, en Antas de Ulla. EP

A primeira referencia que temos de escolarización na nosa parroquia é a escola de ferrado que poñía un dos veciños máis letrados do lugar, un mozo que exercera de mestre de primeiras letras antes de emigrar a Cuba. Anos máis tarde participa nos sucesos de Santa Cristina de Areas (Antas de Ulla), en 1921, cando se presentou na súa aldea de Castro unha comitiva de recadadores acompañada de gardas civís para embargar os bens dun veciño por falta de pagamento do imposto dos consumos.

As campás da igrexa soaron a rebato e os veciños acoden para opoñerse ao embargo, co cura párroco á fronte, José Valcarce Luna, o agrarista e moi popular cura Luna. Como resposta tiveron a carga dos gardas civís e a consecuencia das feridas sufridas resultou un mes despois a morte do escolante.

A situación de extrema miseria, analfabetismo e falta de escolarización naquela Galicia rural dos comezos do século XX só foi atendida entre nosoutros polas aportacións dos habaneiros. Os emigrantes en masa á illa de Cuba, cheos de saudade e solidariedade, destinaron axiña remesas para levantar escolas en coordinación cos que quedaran aquí. A eles debémoslles, entre outras moitas aportacións (alén dos símbolos do himno e a bandeira e mais da Academia Galega), a creación da primeira rede de escolas de Galicia, máis de trescentas, e delas un cento na provincia de Lugo. Para eles, nada mellor había que levantar escolas para as súas aldeas.

Escola Antas
Os primeiros escolares, nenos e nenas coa súa mestra, cara ao ano 1927. EP

A casa escola da nosa parroquia foi custeada pola Sociedad Monterroso y Antas de Ulla, unha das primeiras sociedades de instrución, fundada na Habana en 1911 coa intención primeira de recadar fondos para levantar escolas nos concellos ulloáns.

Promoveu tamén en Antas de Ulla as escolas de Verín (parroquia de Peibás) e Gradoi (parro quia de Santiago de Reboredo). Para esta nobre empresa, dispuxeron da colaboración do cura Luna e mais dos veciños, que aportaron o terreo, os tra-
ballos e os materiais necesarios. Todos levantaron a nosa escola co mesmo fervor que os nosos antepasados levantaran as mámoas e as antas.

Falaban os nosos pais e avós dos carrexos de pedras dos montes Farelo e Penedo en carros de bois e vacas ensuliadas e guiadas por curtidos labradores. Baixaban tamén os mellores toros de carballo e castiñeiro, secados durante décadas antes de ser tratados pola serra. Carpinteiros e canteiros, homes e mulleres déronlle vida á escola que ía ser de seus fillos, unidos co agradecemento aos seus veciños da diáspora de América, de onde viñan as luces da emigración e a crenza cega na educación.

Un edificio humilde e rexo, con aula mixta na planta baixa e vivenda con cuartos e cociña no primeiro andar para uso da mestra e a súa familia. A escola comezou a funcionar en 1927. Atendía a rapazada de catro parroquias do concello: Areas, Arcos, San Mamede de Agüela e San Fiz de Amarante.

Escola Antas2
Placa na fachada da escola de Santa Cristinas de Areas. EP

Os nenos de varias xeracións miraron con ollos regalados a placa de mármore que honraba os habaneiros na fachada e, na entrada, o cadro con orladura de madeira labrada con esmero no que figuraban os rostros e os nomes das mulleres e os homes que mandaran os cartos, como imaxes sagradas, recordadas con proa e cariño en todas as casas.

Contaban os nosos avós que boa parte do inverno a escola quedaba sen mestra, falta que suplía o cura Luna coa ensinanza na reitoral de Santa Cristina.

Lembramos a aula presidida polo retrato de Franco e unha pequena figura da Inmaculada. Estaba repartida en tres filas de doce pupitres dobres. Pegados ás paredes, dispoñíanse bancos largos para os nenos máis pequenos, sen mesa, e para facer os exercicios das contas e as primeiras letras apoiaban a pizarra no regazo e escribían con pizarrín. Os máis maiores, nos pupitres, xa dispoñían de papel e tinta.

"Aquí llo deixo, para que mo desasne", era frecuente que lle dixesen os pais á mestra.
A finais dos anos 60 aínda eramos uns oitenta ou máis escolares, nenos e nenas comprendidos entre os 7 e os 14 anos. Andábanse os camiños de lama, provistos no mellor dos casos con zocos e calcetíns de la de ovella. Percorrían algúns distancias de máis de catro quilómetros, a pé, con invernos rigorosos, de neve e de lobos.

Escola Antas3
Orla dos emigrantes que contribuíron á construcción da escola. EP

Os rapaces, armados dos temibles cichotes e tirapedras que enchían as súas faldriqueiras, disparaban balotes ben amasados de estopa e liño. Ían axexar os niños dos paxaros para identificar os ovos, sen enxeitalos.

Facían competicións de roulas, que deixaban aparcadas na fronte da escola. As rapazas no recreo xogaban á raia, á corda e con pequenas pelotas mercadas na Casa do Conde, de Antas.

Aturabamos a invernía aterecidos de frío e con sabañóns nas mans, que custaba agarrar o pizarro. Nos días máis crus a mestra baixaba un braseiro da cociña. A escola era un clamor de cantos das leccións, das lecturas e dos números.

A mestra custodiaba os poucos libros que había, encargábase de preparar a tinta das plumillas e o leite en po do recreo. Algunhas veces tomabamos unha miguiña do queixo amarelo dos americanos, que nos sabía a ceo. Ás tres da tarde había que arrancar de novo para a escola.

A nosa escola viu o paso da ditadura de Primo de Rivera e a II República. Aturou a guerra, a ditadura franquista e o nacional catolicismo. Viu as levas dos nosos avós e pais para a guerra e dos veciños para a emigración a América e, outra volta, a Europa, País Vasco e Cataluña.

Mantivo a súa actividade ata comezos dos anos 70. A chegada da democracia non lle atopou máis función que a de ocasional colexio electoral, ao que seguiu o desleixo propio do noso patrimonio montesío ata os nosos días, co sentimento de fondo pesar que permanece na veciñanza. O cadro dos habaneiros desapareceu en circunstancias nunca explicadas, o mesmo que a placa, recuperada tras reclamacións veciñais.

Finalmente, a nosa escola cumpriu a súa misión aínda nas circunstancias máis duras e serviunos para andar polo mundo. Hoxe, na soidade silenciosa do abandono, clama por nós, pronuncia os nosos nomes. Merece que se conserve, que se recupere para uso social da veciñanza e non deixala converter en ruína nin pardiñeiro.