Melide reivindica a vertente artística do mundo rural cunha exposición

A mostra, organizada polo museo Terra de Melide e o Concello, inaugúrase este venres. Inclúe pezas do artista José Cabanas, como carros tallados, ademais de cadros de pintores locais
O director do museo, Xosé Manuel Broz (esquerda), e o artista José Cabanas, con algunhas das pezas. EP
photo_camera O director do museo, Xosé Manuel Broz (esquerda), e o artista José Cabanas, con algunhas das pezas. EP

O Pazo de Congresos de Melide acollerá desde este venres e ata o 18 de agosto a exposición de Tallas e Carros de Cabanas e pinturas de Broz. A mostra, que se inaugurará ás oito da tarde, foi organizada polo museo Terra de Melide e o Concello, e xira arredor "do carro e do campo galego", afirma o director do centro, Xosé Manuel Broz.

O autor das tallas é o artista palense José Cabanas, que desde 1990 colecciona diferentes carros tanto de Galicia como de zonas próximas. "Todo comezou cando chegaron os tractores, porque a xente deixou de lado os carros", explica Cabanas, que provén dunha familia do rural que, nun principio, non entendía moi ben que facía adquirindo este medio de transporte. "Ninguén entendía porque, se todo o mundo se desfacía dos carros, eu os compraba, pero dábame pena que algo tan tradicional se perdera", confesa.

Deste xeito comezou a arranxar os carros que mercaba para, posteriormente, tallalos. Á hora de elixir en que exemplares vai traballar, céntrase en que "estean en boas condicións máis ca no modelo ou formato de carro", indica. Aínda que actualmente conta cunhas cen pezas, só unha decena serán expostas no Pazo de Congresos melidao debido ás súas grandes dimensións e ao complicado que resulta o seu transporte. "Con esta exposición quero darlle unha nova vida aos carros, mostrar a arte na que se poden converter", detalla Cabanas, que tamén intentou "representar todas as etapas da historia polas que pasaron" a través dos gravados.

No lugar da mostra representarase unha antiga taberna, típica do rural do século pasado, "na que os carros actuaban moitas veces como mostradores", afirma Broz. A exposición contará tamén cuns 200 cadros pintados por artistas da comarca de Melide. A entrada será gratuíta e poderase acceder sen necesidade de cita previa, pois "as grandes dimensións da mostra fan que se poida visitar cumprindo as medidas de seguridade", asegura o director do museo. A exhibición estará aberta de dez da mañá a dez da noite ata o vindeiro martes 18 de agosto, para que quen queira poida viaxar ao rural máis tradicional.

Comentarios