Melide actualiza a súa faciana con obras de mellora no centro e o rural

O Concello traballa para contar con máis solo industrial pola saturación do polígono da Madalena. A deteriorada piscina convertirase nun moderno centro deportivo
Aglomerado nun camiño rural e novo céspede do campo de fúbol e, abaixo, obras levadas a cabo en San Pedro e Campo Grande
photo_camera Aglomerado nun camiño rural e novo céspede do campo de fúbol e, abaixo, obras levadas a cabo en San Pedro e Campo Grande

Concello de Melide, que dirixe José Manuel Pérez Penas, está a acometer nos últimos anos unha ambiciosa reforma do espazo urbano coa que pretende unha distribución razoable dos espazos, unha organización eficiente do tráfico e unha vila máis cómoda para o uso diario por parte da veciñanza.

Un dos exemplos é a remodelación integral do espazo entre a Avenida da Habana e a Rúa Rosalía de Castro e que continúa coa pavimentación e mellora da seguridade viaria da Rúa Concepción Arenal e outras do nordeste da vila. Esta zona caracterizárase polo insuficiente investimento durante os mandatos previos, malia tratarse dunha zona moi poboada, recolléndose múltiples problemas de estacionamento e convivencia entre vehículo e peón.

Dentro da estratexia xeral de remodelación urbana cómpre incluír tamén un forte investimento de 300.000 euros na reurbanización do Campo Grande, onde se decidiu renovar todo o firme e elevar o pavimento rodado ao nivel do peonil. Nas rúas San Pedro e Principal, pola que discorren milleiros de peregrinos durante o ano, estase a realizar un investimento, de preto de 250.000 euros.

Tamén a construcción de sendas peonis tanto no Folicheiro, como na Rúa Santiso, e proximamente en Sabián, supoñen investimentos encamiñados a facilitar a seguridade dos peóns.

As sendas peonís melloran a seguridade dos cidadáns
As sendas peonís melloran a seguridade dos cidadáns

A remodelación e mellora de vías deixouse sentir tamén na área rural, conformada por un bo número de parroquias con déficits históricos neste sentido. Ademais de varias melloras de alumeado público, o goberno de Pérez Penas adoptou a decisión de aglomerar en quente pistas rurais e accesos ao núcleo urbano. Exemplo disto son as recentes actuacións en Grobas, Baltar, Campos, San Cosme, San Cibrao, Santa María, Maceda e San Salvador. En total, máis de 232.000 euros de investimento.

Proximamente, licitarase un novo proxecto de aglomerado en quente de núcleos rurais, que afectará ás parroquias de O Barreiro, San Salvador e Moldes, entre outras, cun investimento de máis de 300.000 euros.

Suelo industrial

A ausencia de solo industrial en Melide é un problema para a dinamización económica do municipio e a instalación de novos proxectos. Hai xa trece anos que o polígono industrial da Madanela se atopa practicamente esgotado. Simultaneamente, a futura finalización da A-54 e a situación estratéxica de Melide, no centro xeográfico de Galicia, abren unha oportunidade sen precedentes para a captación de novas empresas.

A confluencia de todos os factores impulsou ao Concello a traballar pola delimitación dun novo sector de solo industrial urbanizable á beira da estrada AC-840. Despois dun primeiro pleno onde non puido saír diante o proxecto orixinal, polo voto en contra do Partido Popular, o equipo de goberno traballa para atopar vías que permitan desbloquear a situación para que Melide conte con novo solo industrial.

Deporte

A promoción do deporte e dos hábitos de vida saudables foron unha constante durante os últimos anos en Melide e dende o Concello tívose en conta a necesidade de contar con instalacións axeitadas e modernas e se decidiu facilitar o acceso e a reserva dos espazos dispoñibles nas distintas instalacións municipais. Este último punto materializouse na posta a disposición dos usuarios dos servizos deportivos da APP Sporttia.

A creación de ligas locais e torneos de fútbol sala, pádel e a organización de andainas potenciaron a práctica deportiva na veciñanza nesta lexislatura. Cabe destacar os traballos realizados para a homologación do roteiro de sendeirismo PGR-259, ruta dos Montes do Bocelo, que une os concellos de Melide e Toques a través do punto máis alto da provincia, o Coto Pilar, que supón un importante atractivo turístico para visitantes.

Mellora de instalacións

A modernización do deporte ten un cariz máis tanxible nas obras levadas a cabo ou proxectadas no actual mandato. Por unha banda, están en curso os traballos de cambio do céspede do campo de fútbol, moi desgastado despois de catorce anos de uso e, por outra, atópase en fase de licitación a transformación da piscina municipal nun completo centro deportivo. Hoxe en día atópase pechada polo risco que as deficiencias que arrastraba de anos anteriores supuña para a saúde e seguridade dos usuarios.

Os traballos inclúen melloras no sistema de climatización, na ventilación, na calefacción e na xestión da auga. Os espazos dispoñibles medrarán notablemente trala reforma das instalacións.