Froito Novo, medio século ao son das gaitas

Dende o convento dos Pais Pasionistas, co padre Jorge e Gabriel Mato, pasando por múltiples concertos  por todo o país e tras realizar varias xiras internacionais, o grupo cumpre o seu  50 aniversario e o celebrará cun concerto o 6 de agosto
Ramón Méndez, leva os 50 anos no grupo Froito Novo. EP
photo_camera Ramón Méndez, leva os 50 anos no grupo Froito Novo. EP

Froito Novo estreita aínda máis a relación do municipio de Melide coa música. A gaita actúa como nexo entre distintas xeracións e fai que no concello non se perda esa esencia que os fixo únicos durante os últimos 50 anos. Aínda a día de hoxe a organización segue a ser una parte moi importante para os melidaos.

A agrupación nace en 1972 no convento dos pais pasionistas, cando un grupo de nenos da man do que consideraban "un dos grandes mestres galegos de todos os tempos", Gabriel Mato, ao que lle foron pedir axuda explicitamente, comezaron unha historia de amor coa música que se prolongou durante 50 anos e que, nos seus inicios, chegou a contar cuns 100 integrantes.

Os inicios da agrupación foron complicados e tiveron que buscar axuda no convento e tamén no pai Jorge, en particular, para buscar xente. El prestoulles o local e falou cos pais para que deixasen aos fillos aprender a tocar a gaita e posteriormente viaxar co grupo por todos os lugares por donde actuaron.

Manuel Parrado, integrante do grupo dende os inicios, explica a historia da banda: "Empezamos Mingos de Pita e máis eu, e pensabamos na idea de que cando morreran Os Campaneiros e Os Garceiras, non quedarán gaiteiros, por lo que intentamos mercar unha gaita e contactar con Gabriel". Manuel sinala que eles o que non querían era "que se perdera a gaita, Froito Novo nace con esa ilusión".

Ramón Méndez, o único integrante de Froito Novo que leva dende o inicio e se mantén no grupo a día de hoxe, recorda que case ao mesmo tempo un grupo de nenas de catequesis comezaban nese convento a dar os seus primeiros pasos de baile galego. "Recórdoas cos seus primeiros pasos, teño a imaxe daquel vello radiocasete co que poñían a música", di.

O resultado, grazas á iniciativa do pai Jorge , vai a ser a unión en 1973 das duas seccións, a de música e a de baile, creando así Froito Novo, que como sinala Ramón, "chamouse así por toda a xente nova que había".

O grupo comezou a dar actuacións por distintas zonas de Galicia, tiñan tanta gana de tocar que incluso sen que os chamasen eles mesmos pedían actuar no descanso dalgúns concertos. Máis tarde chegaron coa súa música a outros puntos de España e mesmo de Europa, converténdose así en embaixadores de Melide e da música tradicional galega por todo o continente.

Manuel conta que "o pai Jorge sempre dicía que marchabamos 60 persoas para alí arriba no autobús, con rapaces de dez anos. Recordo actuar en centros españois e galegos. Despois de actuar fóra de casa, diciámoslles ás familias alí presentes se podían levar algún neno pequeno dos que viñan con nós a durmir á súa casa, nunca había problema, sempre nos trataron moi ben".

En 1974, a agrupación viaxa ás illas Canarias, grazas a que co pai Jorge tamén embarcou o seu irmán, que foi quen organizou o voo e a viaxe. Xa alí actuaron en varias cidades e illas. Á volta das mesmas, como recorda Ramón, foron recibidos polo Concello de Melide.

POR EUROPA. En 1975 realizaron a sua primeira xira internacional, actuando en cidades como Xenebra. Xa de volta, aproveitando a viaxe de regreso, actuaron en cidades como París, vivindo moitas anécdotas. "Un grupo de seis gaiteiros do grupo subiron a Torre Eiffel. Como viamos que non baixaban decidimos marchar e eles, que ían coas gaitas, puxéronse a tocar por París adiante. Aínda trouxeron cartos, xa que despois de tocar pasaban a gorra", recorda Manuel Parrado.

En 1976 gravan o seu primeiro disco, Esperta Galicia, e ese mesmo ano participan no programa de TVE La Guagua. Un ano máis tarde publican o segundo disco, titulado Homenaxe aos gaiteiros populares galegos.

Aínda con dous traballos xa publicados e múltiples xiras realizadas, Manuel ten claro que eles eran "gaiteiros de orella, non mirabamos a partitura. Tiñamos as pezas na cabeza, tocabámolas e punto".

En 1978 continúan as xiras internacionais, esta vez polos países de orixe celta, e no ano 1979 catro integrantes viaxan a Holanda para participar nunhas xornadas galegas. En 1981 realizan dúas xiras, por Barcelona e Portugal.

Ese ano, a sección de baile esmorece para acabar desaparecendo, pero a de gaitas continúa e son frecuentes os intercambios con otros grupos. Destes encontros nace a Asociación de Gaiteiros Galegos, con sede en Melide. Xa en 1988 realizaron a que sería a súa última xira internacional, en Polonia.

En 1998 celébrase o seu vixésimo quinto aniversario, no que Froito Novo organiza unha serie de actos durante todo o ano. O Concello de Melide inaugura ademais unha rúa co nome do grupo.

Outro dos grandes fitos prodúcese en 2012, cando se lles dedica a XXIII Semana da Música da Terra de Melide, organizada pola Coral Polifónica e o Concello lles concede o titulo de Embaixadores do Melindre.

Grazas en gran medida a Froito Novo, Melide é sen dubida un dos concellos de Galicia con máis grupos de música tradicional, algo do que Ramón é consciente: "Varios grupos de Melide naceron a raíz de nós, estámoslles moi agradecidos a todos eles".

Homenaxe
Cinco grupos sumaranse ao acto en Melide
A festa do 50 aniversario de Froito Novo celebrarase o 6 de agosto no centro sociocultural
Mingos de Pita, a partir das 20:00. O programa inclúe tanto concertos de cinco grupos como una homenaxe audiovisual a esta veterana formación.

Actuacións
Neste acto non dubidaron en sumarse a agrupación popular Pozo Pequeno, a escola de baile e música Herba Grileira, o grupo Gaiteiros do Balado, a Coral Polifónica de Melide e o gaiteiro Suso Ascariz.

Máis que concertos
Durante a homenaxe proxectarase un vídeo que reflectirá as distintas xiras que realizou o grupo por España e Europa.

Comentarios